Imprimir

A Galiza entra en alto risco de incendios con críticas á Xunta por parte dos efectivos de extinción

A.M. | 01 de xullo de 2019

Incendio en Rianxo en marzo de 2019 [Imaxe: A.P.]
Incendio en Rianxo en marzo de 2019 [Imaxe: A.P.]

Co inicio do mes de xullo arrinca a campaña de alto risco de incendios forestais na Galiza que se estenderá até o vindeiro 30 de setembro. Traballadoras e traballadores dos servizos de extinción de incendios lamentan a perda de 150 efectivos menos este ano e apuntan a necesidade dun cambio de modelo onde se prime a prevención.

Inicia a campaña de alto risco de incendios forestais na Galiza desde esta segunda feira 1 de xullo até o vindeiro 30 de setembro. Refórzase así o dispositivo que estabelece o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de 2019, segundo informa un comunicado da Consellaría de Medio Rural, cun total de 7.000 efectivos que conforman o operativo neste verán entre persoal da Xunta, concellos, ministerio, exércitos e corpos de seguridade do Estado. O comunicado indica que a Galiza conta cunha trintena de medios aéreos e 260 motobombas, ademais de cisternas e outros vehículos. 

Puente afirma a Sermos Galiza que a perda de 150 efectivos se debe a que a Xunta convocou 548 prazas mentres que Seaga e Tragsa contaban con 700 efectivos

Porén, Josafat Puente, presidente do comité de Seaga, lamenta que este ano se perdesen 150 efectivos. A orixe está en que durante este verán o persoal de extinción pasa directamente a depender e estar contratado pola Xunta, en lugar de facelo as empresas Tragsa e Seaga, que pasan a ocuparse maiormente da prevención. A este respecto, e en declaracións a Sermos Galiza, Puente sinala que a perda de 150 efectivos débese a que a Xunta convocou 548 prazas mentres que Seaga e Tragsa contaban en total con 700 efectivos.

“Tal e como se fixo este cambio o que acontece é que hai moita xente con pouca ou ningunha experiencia”, advirte Puente, quen confirma que persoal de Seaga con moita experiencia non se apuntou ben nas listas abertas pola Xunta debido á pouca duración do prazo. “A Xunta puntúa a experiencia pero ao moita xente experta terse apuntado mal, vemos que actualmente a través das listas da Xunta temos xefes de brigada con cero puntos”, sinala Puente, para quen nun traballo destas características a experiencia é necesaria.

Puente sinala que a Galiza “é quen máis incendios padece de todo o Estado” e advirte tamén que debido ao cambio climático os veráns son máis longos e “os incendios serán cada vez máis virulentos”. 

Ante o aumento desta problemática, Puente agarda que a Xunta cambie de políticas

Ante o aumento desta problemática, Puente agarda que a Xunta cambie de políticas e considera que “a resposta non pode ser a mesma que se leva mantendo durante vinte anos, precisamos prevención, ordenación do monte e control das especies que se plantan”.

O presidente do comité de empresa de Seaga sinala que precisamente esta empresa non comezou aínda a realizar as franxas de seguridades nos núcleos de poboación que se terían que ter marcado en xuño, e engado que “o momento de limpar o monte non é xullo e agosto, pois tíñase que ter realizado previamente”.

 Desde Medio Rural indican que para alertas de posíbeis incendios está dispoñíbel o teléfono gratuíto 085 e este ano, como novidade, existe o teléfono 900 815 085, anónimo e gratuíto para denuncia dos incendiarios.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/galiza-entra-alto-risco-incendios-criticas-xunta-parte-efectivos-extincion/20190701191157081443.html


© 2020 Nós Diario