Europa aplica o desconfinamento a distintas velocidades

Con distintas fórmulas e ritmo desigual, Europa avanza no desconfinamento segundo se van cumprindo os obxectivos das medidas motivadas pola pandemia do coronavirus. Países como Noruega, Dinamarca ou Austria, os primeiros en recuperar a actividade, reabren a semana vindeira as escolas infantís. En espera do plan de desconfinamento que hoxe presenta o Goberno central, España aínda ten por diante semanas de restricións sociais e económicas.
2020042812345595181
photo_camera O Goberno español rebaixou as restricións para permitir a saída controlada de menores esta semana (Europa Press)

España é, con Italia, Francia e Reino Unido, un dos territorios europeos onde as mortes pola COVID-19 superan as 20.000 vítimas e, polo tanto, onde a desescalada aínda albisca as súas primeiras fases, malia que tanto o número de contaxios como de decesos entrou nun ritmo descendente, por medo a un rebrote.

Outros países, cunha incidencia menor da pandemia, teñen máis avanzada a recuperación. Así ocorre en Dinamarca, o primeiro país europeo en reabrir as escolas, sempre con medidas de distanciamento. Desde o pasado día 20 funcionan tamén as autoscolas, dentistas e barbarías,mentres que bares e restaurantes continúan pechados e están prohibidas as aglomeracións de máis de 10 persoas. 

Tamén en Noruega reiniciaron a actividade as escolas infantís e as de primaria, así como os gabinetes psicolóxicos, barbarías e estabelecementos de dermatoloxía. As aglomeracións seguen restrinxidas até, polo menos, o 15 de xuño.

Suíza proxectou a desescalada das súas restricións en tres fases que deron comezo esta semana coa reapertura de dentistas e barbarías. O 11 de maio retomarán a actividade tendas e mercados, mentres que a hostalería permanecerá parada, cando menos, até o 8 de xuño. 

En Austria, as tendas de menos de 400 metros cadrados están abertas desde o 14 de abril, como tamén os xardíns públicos. Coa chegada de maio está previsto recuperar a actividade de barbarías e centros comerciais e poderá facerse de novo deporte ao aire libre, mentres que a hostalería seguirá parada até metade de xuño. Os colexios, pola súa banda, están abertos para menores cuxas familias non poidan teletraballar, se ben as clases non son obrigatorias. 

Alemaña proxecta recuperar a actividade docente a semana que vén. Até este domingo mantén restricións que obrigan a circular unha única persoa por vehículo e manter o distanciamento social no espazo público. Tendas, librarías e concesionarias de menos de 800 metros cadrados están en funcionamento desde hai 8 días, mentres que bares e restaurantes só poden ofrecer, a día de hoxe, comida a domicilio.  En canto aos eventos multitudinarios ao aire libre, non está previsto que se permitan, como mínimo, até finais de agosto. O uso de máscaras é xa obrigatorio tanto no tanto no transporte público como en espazos interiores, negocios e dependencias oficiais. 

O plan de desconfinamento anunciado por Bélxica tamén prevé varias fases, a primeira, a vindeira segunda feira, 4 de maio, cando comezará a permitirse deporte ao aire libre. As máscaras serán obrigatorias no transporte público e as aulas permanecerán aínda pechadas.  

O Goberno de Italia vén de fiar o 18 de maio como a data para a recuperación relativa da actividade, coa reapertura de tendas, museos e espazos culturais, bares e restaurantes. Así, o primeiro país europeo en sufrir de forma masiva o efecto a pandemia a principios de marzo aínda manterá durante 15 días as medidas de distancia social, malia que con concesións. Permitirase o adestramento de atletas, os parques reabrirán e poderase visitar a familia próxima, gardando as normas de distanciamento. Tamén se comezará a permitir a celebración de funerais con até 15 persoas, preferibelmente en espazos abertos. 

O vindeiro día 4 Italia retoma a actividade produtiva en empresas construtoras, comercio e manufactureiras, así como as obras públicas e privadas, mantendo as medidas de prevención e distancia obrigatorias en espazos públicos e transporte.

Portugal foi un dos primeiros territorios europeos en aplicar medidas de restrición para evitar a propagación da COVID-19, co peche dos seus centros educativos desde mediados de marzo. A volta ás aulas realizarase de forma paulatina a partir da vindeira semana, agás para o alumnado de Primaria, que non regresará xa neste curso. Desde o día 2 recuperarase a actividade nos centros de traballo, se ben segue a recomedarse o teletraballo.

O comercio tamén comezará a reabrir desde ese día de forma progresiva, a comezar polas tendas de barrio. Sen data aínda para a reapertura das súas fronteiras e a recuperación da normalidade nas conexións aéreas, o Goberno luso xa avanza que haberá limitacións de cara ao turismo, con medidas para evitar aglomeracións nas praias.

Francia entrará o vindeiro 11 de maio nunha nova fase de desconfinamento, cuxas concrecións daranse a coñecer no día de hoxe. Segundo as previsións, ese día está prevista a reapertura do comercio, con medidas de prevención e coa posibilidade de que o uso de máscaras sexa obrigatorio. Tamén ese día comezará a recuperarse a actividade educativa de forma escalonada, e que comezará polo alumnado de primaria. Bares e restaurantes permanecerán pechados durante o mes de maio

No Reino Unido, un dos territorios onde as medidas contra a pandemia máis tardaron en implantarse -o confinamento non se aplicou até o 23 de marzo- aínda non se coñecen os plans concretos para rebaixar as restricións, que se manterán, polo menos, durante a primeira semana de maio. 

 

 

 

 

Comentarios