Imprimir

As enfermeiras que se trasladan do hospital a Atención Primaria son “lastres”

Redacción | 22 de novembro de 2019

CIG-Saúde cualifica de “impresentábel” este cualificativo que, denuncia, outorga o  “Grupo de Expertos en Atención Primaria” a estas profesionais.

A CIG-Saúde manifesta o seu rexeitamento ás conclusións do “Grupo de Expertos en Atención Primaria”, en particular no referente ao apartado nº 4-e sobre “as enfermeiras que se trasladan desde o hospital a primaria”que son definidas no documento como “lastres”.

“É impresentábel que o Sergas permita a utilización deste cualificativo para definir a un grupo de profesionais altamente cualificado e cunha traxectoria profesional impecábel”, denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

Para a CIG-Saúde, deste xeito a administración demostra unha grande irresponsabilidade pretendendo facer culpable da situación de atención  primaria a un colectivo.

Hospital da Mariña: “Se enfermas non te queremos”

Por outra banda,  CIG-Saúde da Mariña denuncia que o persoal de nova incorporación no Hospital da Mariña tras da ampliación farao mediante contratos de acúmulos. “Isto significa que cada unha das profesionais da sanidade da Mariña que foron contratadas van ter que asinar 6 contratos para traballar un máximo de 6 meses. Pero para poder asinar o seguinte contrato non poden estar enfermas, nin ter un accidente, nin estar ingresadas, nin en situación de Baixa Laboral, nin causar ausencia por mor da maternidade, xa que estar nalgunha das situacións anteriores imposibilita que poidan asinar o novo contrato de renovación, polo que quedarían desempregadas”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/enfermeiras-trasladan-do-hospital-atencion-primaria-son-lastres/20191122103016087270.html


© 2020 Nós Diario