Prestige: nen PP nen PSOE apoian a transferencia á Galiza das competencias de salvamento marítimo

O Congreso d@s deputad@s rexeitou a proposición non de lei defendida pola parlamentar do BNG Olaia Fernández Davila en que denunciou que as decisións a respeito da maior catástrofe ecolóxica da historia do País e do Estado español se tomaran desde Madrid sobre uns feitos que estaban a acontecer na costa galega.

O Prestige, no momento de partirse e afundirse. (Foto: Armada española)
photo_camera [Imaxe de arquivo]


"Unha iniciativa só se puido presentar ora por ignorancia ora buscando escuras intencións e por ignorancia é imposíbel". Esta é a valoración que merece para o deputado galego Joaquín García Díez (PP) a proposición non de lei presentada polo BNG no Congreso d@s deputad@s para reclamar a transferencia das competencias en seguridade e salvamento marítimo a Galiza. 

A encargada de defender o texto foi Olaia Fernández Davila, quen aludiu á pertinencia de que sexa o País quen xestione esas competencias sinalando cara á sentenza do Prestige e enfatizando que o obxectivo sería "evitar que outra catástrofe se salde sen indemnización económica ningunha".

Foi pronunciar o nome do petroleiro que encheu de fuel 1.600 quilómetros da costa galega e o conservador mostrou a súa indignación. Acusou a Davila de "revivir o acontecido" e de "resucitar a confrontación social" para deixar claro que o PP non vai aceptar que a Galiza xestione as competencias que se estaban a reclamar "non busca eficacia lexislativa ningunha nin é operativo". Aliás, acrecentou que vai contra tratados internacionais --tamén españois-- nesta materia.

Se o PP votou en contra, o PSOE abstívose de votar parte dun texto que puxo a focaxe nas decisións que se tomaron desde Madrid sobre unha catástrofe que aconteceu na Galiza. Madrid non ten mar. Galiza "ten miles de quilómetros de costa e debería ter tamén as competencias", subliñou Davila.

Comentarios