Polo menos 314 menores de idade morreron os últimos 15 anos en Colombia aparentemente en operacións da forza pública e foron presentados como «datos de baixas en combate», segundo denunciou o senador e ex candidato presidencial polo movemento Colombia Humana (socialdemócrata) Gustavo Petro.
«Dos 314 menores que foron asasinados, 15 son menores de catro anos, 95 nenas e 204 nenos. Nese mesma orde o ano que menos presentou asasinatos foi 2018 con só dous rexistros», apuntou Petro na presentación do seu informe nunha sesión especial do Senado.
A investigación do senador, informan os medios locais e as axencias internacionais, abarca desde 2004 até que vai de 2019. No primeiro ano documentouse a morte de 44 menores, a cifra máis alta do período analizado.
Dimisión do ministro de Defensa
Durante o Goberno de Álvaro Uribe (2002-2010) contabilizáronse 177 mortes de menores, en tanto que no do seu sucesor, Juan Manuel Santos (2010-2018), ocorreron 124.
Desde o 7 de agosto do ano pasado, cando asumiu a presidencia Iván Duque, morreron 13 menores, entre estes os oito dun bombardeo militar en agosto pasado contra disidentes das FARC en Caquetá e que lle custou o posto ao ministro de Defensa, Guillermo Botero.
A información, salientou Petro, foille fornecida de «xeito oficial polo Instituto Nacional de Medicina Legal e Ciencias Forenses».