A cara B do 25 de xullo: a instrumentalización política do Apóstolo Santiago no franquismo

O ditador Francisco Franco reinicia en 1937, mediante a publicación dun decreto, a ofrenda ao Apóstolo Santiago como obriga institucional e determina a data do 25 de xullo como “Festa Nacional Española” en contraposición ao “Día Nacional de Galiza” que fora instaurado en 1920 polas Irmandades da Fala, que pasará a celebrarse na emigración, no exilio e na clandestinidade.

O rei Filipe IV instituíu en 1643 esta ofrenda co obxectivo de compensar a Igrexa compostelá e de conservar o padroado de Santiago, perante as presións á Coroa española de que fose San Miguel o patrón de España. Este acto mantívose até que as Cortes de Cádiz acordaron a súa supresión, durante o goberno revolucionario de 1869 anulouse a contribución económica e interpretouse como unha nova suspensión, o que propiciou que perdese interese. Só foi rescatado por Afonso XII en 1877 e Afonso XIII en 1909, ao visitaren Santiago e realizaren a ofrenda con motivo do Ano Santo. Na Segunda República española, o Goberno rexeita darlle continuidade a este acto de marcado simbolismo relixioso e político conservador.

Segundo as lendas, o Apóstolo Santiago prestáralle a súa axuda na Reconquista aos cristiáns, co obxectivo de que vencesen os musulmáns, por iso no ideario franquista da cruzada iniciada en 1936 agardábase que apoiase tamén na “reconquista da España roxa”. Deste xeito, o 21 de xullo de 1937 Franco restabeleceu por decreto a ofrenda ao Apóstolo, explica a profesora Laura Lara Martínez en Simboloxía e relixión na España franquista preconciliar.

En 1943, Franco usou a propia data do 25 de xullo para indultar presos políticos e en 1949 o artista Arturo Reque Meruvia pintou o mural da Alegoría de Franco e a Cruzada onde o Caudillo aparece retratado baixo o cabalo branco do Apóstolo Santiago.

Porén, esta cruzada emprendida por Franco en coincidencia cos actos de enxalzamento das lendas do Santiago Matamouros é contraditoria co seu nomeamento como comandante do Exército de África e a incorporación da Garda Moura como símbolo do réxime.

Para acoller a multitude de persoas na celebración da ofrenda de España ao Apóstolo Santiago, na década de 1950 realizáronse obras na Catedral de Santiago para eliminar o coro dos canónigos, porque se este precisaba espazo para “unha cerimonia que recuperou o franquismo e que poñía de manifesto a clara inclinación relixiosa do Estado español”, expón a profesora Pilar García Cuetos na investigación Restauración e reconstrución monumental en España 1938-1958.

"Eu felicítovos, Excelencia, por ser elixido por Deus para reafirmar a nosa Unidade Católica e para asentar en España este sistema de relacións entre a Igrexa e o Estado", replicoulle o cardeal Fernando Quiroga Palacios, na ofrenda ao Apóstolo do 25 de xullo de 1954, presidida por Franco logo de que se se fixese unha promoción turística do Camiño de Santiago no estranxeiro. Foi nomeado presidente da Conferencia Episcopal Española 12 anos despois.

O daquela ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga, foi encargado de realizar unha campaña internacional para publicitar o Camiño de Santiago en 1965, data en que se realizan numerosas obras tanto na cidade como en monumentos significativos da ruta xacobea. Ese 25 de xullo, o NO-DO transmite unha reportaxe da ofrenda ao Apóstolo protagonizada polo ditador, acompañado por ministros e militares golpistas que acoden cada Ano Santo compostelán á bautizada como “praza de España” naquel momento.

No Ano Santo de 1971 volveuse usar a data do 25 de xullo para aplacar as reivindicacións de amnistía e Franco conmutou as penas de morte dos presos do Proceso de Burgos.

Coa chegada da democracia, a praza do Obradoiro recuperou o nome orixinal mais durante a chamada Transición española non se suprimiu esta ofrenda ao Apóstolo Santiago, de marcado carácter político-relixioso e de simboloxía inzada da xenofobia das cruzadas. En 1976, o rei Xoán Carlos de Borbón e a súa familia apresuráronse a participaren o 24 e 25 de xullo nestes actos para recibiren un baño de multitudes, mais non exento de faixas reivindicativas.

Un mes despois, congregáronse na misa do peregrino 5.000 rapaces da Organización Juvenil Española (OJE) procedentes de todo o Estado español nun acto de reafirmación do réxime.

Na actualidade, para presidir este acto do Patrón de España, mantense a presenza da delegación da realeza con destacada asistencia militar e eclesiástica, ao tempo que se celebran noutros lugares da cidade de Santiago de Compostela as mobilizacións reivindicativas e festivas do Día da Patria Galega.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios