Imprimir

Antonina Semedo, caboverdiana de raíz co corazón na Galiza

Redacción | 23 de maio de 2018

Antonina Semedo
Antonina Semedo

Unha comisión de veciñas mariñás impulsa unha iniciativa para que esta ‘activista social, mediadora intercultural e intérprete musical’ sexa condecorada coa Medalla Castelao

O pasado sábado 12 foi apresentada a campaña de sensibilización e de recollida de sinaturas para a candidatura de Antonina Semedo á Medalla Castelao. A emblemática Casa Selmira de Cangas de Foz, primeiro lugar na Galiza que a acolleu, foi o punto onde se reuniron os portavoces da comisión formada para esta iniciativa. A distinción, creada pola Xunta de Galiza en 1984, é concedida anualmente a persoas ou organismos, previa proposta de entidades galegas.

 

Pablo Álvarez Ramos, Nilda Borges, Bernardo Penabade e Karina Parga son algunhas das persoas que conforman esta comisión. O grupo pretende alentar, a través das redes sociais e do tecido asociativo, o recoñecemento institucional para Antonina, tanto no seu nome propio como en representación da comunidade caboverdiana, que cumpre agora 40 anos de asentamento na comarca (1978-2018).

 

Esta "matriarca da paz" é coñecida na contorna por ser das primeiras persoas caboverdianas en fixar alí a súa residencia. A veciñanza da zona destaca a súa disposición constante a estreitar lazos entre ambas comunidades. "Desexaría ter un brazo grande grande e abrazar a todos os veciños de Cangas e Burela..., do contenta e agradecida que estou polo apoio moral e de todo que recibín sempre", afirma ela, que segue a amosar preocupación pola plena integración das persoas caboverdianas na comarca, sobre todo no caso da xente moza.

 

Unha vida de traballo e música en comunidade

 

A historia de Antonina Semedo Lopes de Barros comeza no ano 1954 en Santa Ana, a súa vila natal, ubicada na illa caboverdiana de Santiago. Filla de familia numerosa, tivo que combinar a asistencia á escola co traballo desde crianza. Con 14 anos marchou vivir a Praia –capital de Cabo Verde– e, con 22 anos, casou. O seu home foi dos primeiros migrantes caboverdianos que viaxou á Mariña para traballar na construción da factoría Alúmina, após da cal pasou ao sector pesqueiro. Antonina reuniu con el un 23 de xullo de 1978, cando se instalaron en Cangas de Foz. Muller emprendedora nos ámbitos familiar e comunitario, Semedo leva corenta anos a vivir na Galiza durante os que se adicou aos máis diversos traballos, sempre a procurar un mellor nivel de vida para ela e, sobre todo, para a súa xente. Logo de realizar numerosos cursos de formación, actualmente traballa na atención de persoas maiores ou con diversidade funcional.

 

"Dificilmente deixa a súa terra natal / quen ten alí as súas raigañas", escribía Sarrionandia. Aínda logo de marchar de Cabo Verde e pasar anos sen volver pisar o seu país, Antonina Semedo mantivo sempre coidadas as súas raíces. No ano 2002, formou o grupo de música tradicional Batuko Tabanka xunto con outras once mulleres caboverdianas –Ivone Pereira, Fátima (Fafá), Fátima Lopes (Beba), Ilda e Antonina Rocha, Isabel Barros, Desideria, Lídia Mendes Chuca, Anabella da Moura, María Tavares e Santinha Gomes–. Con dous álbums ás súas costas, as integrantes actuaron xa por toda Galiza, Portugal e por diferentes comunidades españolas, ademais de no seu propio Cabo Verde. Os Diplomáticos de Monte Alto, Uxía Senlle, Xosé Manuel Budiño, Treixadura ou Mercedes Peón son varias das músicas que colaboraron artísticamente coas Batuko Tabanka.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/antonina-semedo-caboverdiana-raiz-co-corazon-galiza/20180516160757068930.html


© 2020 Nós Diario