A Xustiza avala a destitución dunha dependenta por tirar un falso teito da tenda alertando dunha posíbel caída

A traballadora denunciaba a posibilidade de derrubamento do tellado.
Xulgados de Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Xulgados de Vigo. (Foto: Europa Press)

O Xulgado do Social número catro de Vigo declarou procedente o despedimento dunha dependenta que traballaba nunha tenda da cidade olívica despois de denunciar a súa empresa polo risco de derrubamento dun falso teito que acabou tirando.

Tal e como recolle a sentenza do tribunal, a muller, que comezou a traballar no comercio en decembro de 2021, comunicara o pasado mes de maio á dirección que o falso teito do estabelecemento "estaba a gretarse", manifestando ademais que este tería que ser reparado.

Tras dar aviso á propiedade, un escaiolista, enviado pola empresa, indicou en dúas ocasións que "non se apreciaba risco de caída". Ao non acometer medidas, a empregada denunciou os feitos xunto con outra compañeira ante a Inspección de Traballo o 19 de maio de 2022, afirmando que "a súa xefa lles fixo traballar a pesar do perigo de derrubamento do teito, desprezándoas, humillándoas e facéndoas sentir discriminadas con respecto a outras tendas da mesma empresa", recolle a resolución.

Segundo o escrito, a denuncia foi ampliada o 25 de maio de 2022. Nela constaba que o teito se derrubara catro días antes, o 21 de maio de 2022. A empregada foi finalmente despedida a finais dese mes, o 30 de maio de 2022, despois de que as cámaras captasen o momento no que as dúas compañeiras que denunciaran o risco tirasen o falso teito, que caeu "sen alcanzar ningunha persoa".

Tras o despedimento, a dependenta levou a empresa a xuízo perante o xulgado número catro do Social de Vigo, que, a finais de 2022, declarou procedente a destitución. Contra a resolución cabe recurso ante a sala do social do Tribunal Superior de Xusticia de Galiza (TSXG).

Comentarios