Xa dispoñíbel o calendario laboral de 2023: Cales serán os días festivos do vindeiro ano?

Haberá varias fins de semana longas.
Tren de Nadal en Vigo, o pasado 12 de decembro. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
photo_camera Tren de Nadal en Vigo, o pasado 12 de decembro. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

O calendario laboral de 2023 recolle un total de 12 días festivos estatais, dos que 9 decorrerán de forma conxunta en todo o Estado español. Será un máis que este ano, segundo unha resolución da Dirección Xeral de Traballo publicada esta sexta feira no Boletín Oficial do Estado (BOE). Aos festivos estatais súmanse dous festivos de cada autonomía e dous festivos municipais, até sumar un total de 16 días festivos ao ano.

En concreto, serán festivos a sexta feira 6 de xaneiro (Día de Reis); a sexta feira 7 de abril (Venres Santo), a segunda feira 1 de Maio (Día dos Traballadores), a terza feira 15 de agosto (Asunción da Virxe), a quinta feira 12 de outubro (Día da Hispanidade), a cuarta feira 1 de novembro (Todos os Santos), a cuarta feira 6 de decembro (Día da Constitución española), a sexta feira 8 de decembro (Inmaculada Concepción) e a segunda feira 25 de decembro (Nadal).

Tamén hai festivos comúns que as autonomías poden desprazar a outro día. Así ocorre coa sexta feira 6 de abril (Xoves Santo), que será festivo en todo o Estado español menos no País Valencià e Catalunya.

Por outra parte, a segunda feira 2 de xaneiro (día seguinte a Aninovo) será festa en Andalucía, Aragón, Asturies, Castela e León e Murcia; a terza feira 25 de xullo (Santiago Apóstolo) só será festivo na Galiza, Castela e León, Nafarroa e Euskadi, e a segunda feira seguinte ao día de San José (19 de marzo) só será festa en Madrid.

Fins de semana longas

O feito de que varios festivos do vindeiro ano coincidan coas segundas e sextas feiras permitirá contar con varias fins de semana máis longas do habitual no conxunto do Estado español.

Así sucede co 6 de xaneiro, o 7 de abril, o 1 de maio e  o 25 de decembro. No caso do 6 e o 8 de decembro, cuarta e sexta feira permitirá aos traballadores e traballadoras que poidan tomarse libre o 7 de decembro ter unha ponte de cinco días.

Comentarios