Aprobado o calendario laboral de 2023: estes serán os días festivos na Galiza

O Goberno galego aprobou esta quinta feira o calendario, que deixa dous días a elección dos concellos.
As rúas de Vigo, iluminadas por mor do Nadal, o pasado decembro. (Foto: Arxina)
photo_camera O 25 de decembro será, como todos os anos agás cando cadra en domingo, un dos días festivos de 2023. (Foto: Arxina)

O Consello da Xunta aprobou esta quinta feira, após emitir o Consello Galego de Relacións Laborais o correspondente ditame, o calendario laboral para o próximo ano 2023.

A normativa estatal, fixada polo real decreto 2001/1983, estabelece 14 días festivos a nivel estatal non recuperábeis, remunerados e de carácter obrigatorio, dous deles competencia dos concellos.

Cada concello galego elixirá dous festivos propios

Dos outros doce restantes, nove son obrigatorios e non substituíbeis —agás se coinciden en domingo—, e son os seguintes: 1 de xaneiro, 7 de abril —Venres Santo—, 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro.

Dado que o 1 de xaneiro de 2023 será domingo, a Xunta mudou esta festividade pola do 17 de maioDía das Letras Galegas—.

Os outros tres festivos de carácter estatal son opcionais, isto é, poden ser substituídos por outras datas se así o considera o Goberno galego. No caso da Galiza serán festivos o 6 de xaneiro, o 19 de marzo e o 25 de xullo Día da Patria Galega—, que será terza feira.

No que atinxe á celebración do Nadal cómpre salientar que en 2023 o 25 de decembro será segunda feira e, por tanto, a Noiteboa caerá en domingo.

Comentarios