O poder da mobilización faise notar en Vigo: preacordo entre Vitrasa e sindicatos após semanas de paro

O documento, que deberá ser referendado en asemblea de traballadores, inclúe subas salariais e o compromiso de avanzar na actualización do convenio, caducado en 2020.
Manifestación do persoal de Vitrasa no mes de decembro (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
photo_camera Manifestación do persoal de Vitrasa no mes de decembro (Foto: Pedro Davila / Europa Press).

Vitrasa, a concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, e os sindicatos que representan o groso do persoal veñen de alcanzar un preacordo para desconvocar a folga indefinida que inclúe subas salariais, após numerosas protestas e paros decorridos nas últimas semanas.

Segundo fontes do comité de empresa, após unha "intensa" xornada de negociacións, esta quinta feira chegouse a un preacordo para suspender o paro, que comezou a finais do mes de novembro. Con todo, cabe esperar a que este acordo sexa ratificado polos empregados, o que previsibelmente acontecerá esta sexta feira.

Este pacto incluiría para o ano 2023 unha suba de soldo de 2,5%, actualizando as táboas do 2024 e cobrando os atrasos. Tamén se chegou a un acordo na nocturnidade de talleres, cambios de quendas entre compañeiros e melloraranse os descansos entre paradas.

Se os traballadores desen o visto e prace, desconvocaríase a folga, co compromiso de que en tres semanas prodúzanse máis avances na negociación do convenio colectivo, caducado desde finais de 2020. Ademais, solicitarase ao AGA a súa participación no calendario de reunións, cun ou dous encontros por semana.

O presidente do comité de empresa, Imanol Arnoso, puxo en valor este principio de acordo, que terá que ser validado en asemblea de traballadores. En declaracións á axencia Europa Press, dixo que a partir de aquí poderase continuar negociando o convenio colectivo, pero a folga quedará desconvocada.

Comentarios