A vida do mar é (aínda) máis difícil para os migrantes

No mar están "normalizadas" peores condicións para os inmigrantes, menores salarios e maiores estadías. Así o acreditan persoas do sector en conversa con 'Nós Diario'.
Barco palangreiro que faena no Pacífico oriental. (Foto: Ministerio de Pesca)
photo_camera Barco palangreiro que faena no Pacífico oriental. (Foto: Ministerio de Pesca)

As malas condicións de vida fan emigrar moitas persoas para buscar un futuro sen coñecer o que van atopar. Neste contexto vense na obriga de aceptar traballos nos que teñen unhas condicións laborais por debaixo dos estándares do resto do persoal. Circunstancia coñecida no mundo do mar, onde moitas persoas migrantes teñen un salario inferior e menos descanso, e en moitos casos incluso fan vida só no porto e dormen no barco.

Moitas destas persoas que traballan en barcos nin tan sequera buscan estabelecerse no lugar nin continuar co seu labor ao longo das súas vidas, son os chamados mariñeiros en tránsito, que xiran cartos ás súas familias e aforran para volver ao seu lugar de orixe. Unha situación non moi diferente á que tiveron que experimentar moitos galegos no pasado. Balbino González, mariñeiro xubilado no 2013 do Porto do Son, explica a Nós Diario que seu pai navegou na mercante en Noruega desde 1964 e tiña contratos de tres anos nos que non vía a muller e as crianzas, podendo tan só comunicarse por carta.

Francisco Pais, veciño de Noia que traballou no mar, conta a Nós Diario que o seu avó “botaba mareas de 11 meses”. Para el, “cando non che queda outra que marchar e traballar fóra, mentres vaias gañando e saibas que os teus están ben valo levando”, mais recoñece que as condicións “márcanche de algún modo e cambian a túa forma de ser”.

Pais, de 36 anos, seguiu os pasos do seu avó e a súa vida está vencellada ao mar. Entre 2010 e 2020 traballou en diferentes barcos de bandeira canaria dedicados a servizos de remolque e manobras nas plataformas marítimas. Neste transcurso laboral tivo ocasión de traballar nunha empresa na que tripulantes da Unión Europea (UE) e de Alxeria tiñan as mesmas condicións salariais e de descanso. 

Mais tamén coñeceu a situación contraria, entre 2017 e 2020 traballou nunha empresa con actividade en Guinea, na que había dúas tipoloxías de contrato, “o español e o guineano”, e mentres as persoas da UE “cobrabamos 2.000 euros”, as persoas de alí percibían “arredor dos 800 ou 900 euros”. Na mesma empresa e na mesma localización tamén había outros barcos, “dous cando cheguei e catro cando marchei” con tripulación indonesia, “con moita experiencia”, sinala Pais. Un capitán indonesio “cobraba menos da metade” que un da UE; ademais, mentres se descansaba cada 6 semanas, no caso dos mariñeiros do país asiático facíase cada 12.

Unha situación de diferenzas nas condicións laborais no mar que xa vén de lonxe, ratifica Balbino González. Cando el andaba ao polbo a finais dos 80 nas Canarias, a metade da tripulación, de Corea, botaba mareas de 12 meses no canto de 6 e cobraba a metade. Cando foi ao atún nun barco vigués nos 90 a situación era similar, os senegaleses percibían a metade e descansaban dous meses no canto de catro. Atopou as mesmas diferenzas salariais nun barco distribuidor de gas vasco que operaba no Caribe nos anos 2000, no que os da UE levaban 5.000 dólares, mentres que os traballadores de Centroamérica e suramericanos cobraban un máximo de 3.500 e pasaban un ano no barco no canto de cinco ou seis meses.

González é consciente das condicións, que cualifica “de escravitude”, que aínda hoxe persisten no mar. “Un ano de contrato para un estranxeiro está normalizado e é algo moi duro de levar”, afirma. "Moitas veces non saen do barco e do porto e non están en contacto coa civilización” e, en consecuencia, trátase de xente que “vive ao bordo da depresión”.

Xabier Aboi: "Os segundos rexistros son a lei da selva"

Para Xabier Aboi, responsábel da CIG-Mar, a posibilidade que se lle deu as empresas do sector do mar de operar con segundo ou terceiro rexistro supón "a lei da selva". Esta figura permite que mentres unha empresa ten a súa central en territorio da UE, poida ter rexistro en territorios con beneficios fiscais ou mesmo nos chamados paraísos, permitíndolle saltar moitas normativas tanto a nivel fiscal como laboral, o que repercute nas condicións de traballo das tripulacións.

Comentarios