Urbaser contra-ataca enviando máis furafolgas a Lugo

A concesionaria retirou material das naves que posúe na cidade amurallada acompañada dun forte dispositivo policial habilitado polo concello. 

Urbaser
photo_camera [Imaxe CIG-Lugo]

A empresa concesionaria da recollida de lixo en Lugo, Urbaser, procedeu na mañá desta terza feira (22 de xullo) á retirada de parte do seu material das naves que posúe nas Arieiras. Fíxoo para reforzar o colectivo de furafolgas trasladado a Lugo, que aumentará a súa actuación e presenza. 

Acompañad@s dun grande dispositivo policial, habilitado polo alcalde lugués, e entre os apupos d@s traballador@s en folga desde hai máis de 40 días, persoal de Urbaser contra-ataca así á proposta achegada polo comité na procura dunha solución negociada ao conflito. 

Pola súa banda, o Concello de Lugo, baixo a batuta do socialista López Orozco, advertiu que exixirá a retirada dos desperdicios acumulados nas rúas mesmo se iso supón a sinatura dun decreto diario que fixe o 100% dos servizos mínimos, afirmou. O cadro de persoal dirixiu a súa protesta contra o rexedor e tomou as instalacións do concello no medio dunha comparecencia de imprensa convocada por Orozco. 

Representantes d@s traballador@s exixiron a demisión do rexedor a quen acusan da súa connivencia coa empresa. 

O tira-puxa entre traballador@s e empresa dificulta a resolución do conflito após a abertura dunha nova negociación encabezada polo presidente do Consello galego de relacións laborais, Demetrio Fernández. 

En contraste coa disposición da asemblea de empregad@s, que lanzou unha contra-oferta na que aceptaba boa parte das medidas económicas propostas por Fernández, Urbaser coida que @s operari@s están "botados ao monte" por exixiren a retirada de todas as sancións e despedimentos impostos durante o paro. 

Neste senso, a concesionaria xa advertira que adoptaría novas medidas, máis eficaces. Dito e feito. Esta terza feira Urbaser contra-atacou cun maior dispositivo de furafolgas que proveñen de localidades alleas a Lugo. 

Comentarios