Cal é o nivel de inserción laboral dos universitarios galegos?

O estudo que vén de presentar a Acsug apunta que oito de cada dez persoas que remataron os estudos superiores en 2015 buscou traballo nos cinco anos posteriores.
Estudantes universitarios na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. (Foto: Arxina) #universidade #universidades #xornalismo #facultade #abau #selectividade
photo_camera Estudantes universitarios na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. (Foto: Arxina)

O estudo da situación dos egresados universitarios que vén de elaborar a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario da Galiza (Acsug) lanza varias conclusións sobre a incorporación ao mercado laboral das e dos estudantes que rematan os seus estudos, nun contexto no que avanzan as novas formas tanto de buscar traballo como da propia configuración do mercado laboral.

Entre outros resultados do avance deste estudo, correspondente ás persoas tituladas no curso 2014-2015 no sistema universitario galego (SUG), despréndese que 79,3% delas buscou emprego e, dentro deste grupo, 80,4% atopouno cando menos no período posterior de cinco anos. Isto supón o 63,81% do total dos enquisados, dez puntos por riba do estudo anterior.

A mostra alcanzada para o estudo foi de 5.163 titulados sobre unha poboación total de 9.155, o que outorga un nivel de confianza á enquisa de 95%, tal e como explicou o director da Acsug, Eduardo López Pereira, que compareceu esta quinta feira para dar conta dos resultados canda a presidenta da axencia, Patrocinio Morrondo. O traballo de campo realizouse entre o 15 de xaneiro de 2021 e o 2 de marzo e ten un erro máximo admisíbel de 10% en titulación-campus, cun nivel de confianza do 95%.

O director da axencia destacou que o estudo é "sumamente interesante" porque dá información aos posíbeis estudantes e familias, e quixo aclarar que cando se fala de inserción laboral non se pode falar de "paro", dado que algunhas persoas optan por preparar diferentes oposicións, doutoramentos ou outras alternativas e non se atopan en busca activa de emprego.

Do informe tamén se extrae que 60,9% dos titulados tivo algunha bolsa durante os seus anos de estudo, o que supón un aumento de 2,5 puntos porcentuais a respecto do estudo previo. Entre as carencias detectadas, o director da Acsug referiuse á mobilidade, xa que apenas 16,7% dos titulados participou nalgún programa deste tipo durante a súa estadía na universidade.

"Un obxectivo importante é a mobilidade, hai que promover que a administración galega e estatal axuden economicamente para que os alumnos poidan cambiar de universidade e ter experiencias docentes" diferentes á institución académica de orixe, dixo. Con todo, destacou que a competencia en idiomas máis aló das linguas oficiais é de 90,1%, sendo o inglés o máis coñecido —80,4% do alumnado, o que supón que son capaces de comunicarse en inglés con certa fluidez—.

Outro dos datos destacados do estudo é que segue aumentando a procura de traballo por internet, para o que, nunha escala do 1 ao 5, foi usada como método maioritario a Rede (3,8), seguido por presentación espontánea da candidatura (3,55) e a través de familiares ou amizades (2,91). No momento de facer a enquisa, 87% do ex estudantado estaba a traballar, a maioría na Galiza (77,3%). Neste senso, o director da Acsug indicou que só 3,1% traballa fóra de Europa, polo que chamou a atención sobre as críticas "que din que 20% dos mozos" teñen que ir fóra: "Iso non é así, este é o dato", afirmou.

Salario medio

Do mesmo modo, precisou que o salario medio dos egresados supera os 1.500 euros (1.518,26 euros). "Un salto mortal" na contía —dixo Eduardo López Pereira— que, segundo explicaron a preguntas dos medios membros do equipo que elaborou o estudo, tamén ten a ver co aumento do salario mínimo interprofesional (en 2021), aínda que é mesmo "lixeiramente superior".

No que atinxe ao tipo de traballo, 81,7% dos enquisados desenvolve funcións no seu traballo do nivel universitario. "Non están a traballar de caixeiros ou caixeiras de supermercado, senón que están a traballar nun emprego que require un título universitario", manifestou o director da axencia de calidade.

Pola súa parte, o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro, destacou a "utilidade" do estudo, porque tamén se emprega como un dos indicadores para deseñar o financiamento universitario. Aliás, salientou que "a maior nivel educativo, maior salario", que en termos brutos rolda os 2.000 euros, un "salto bastante apreciábel", algo que tamén vén determinado porque a enquisa agora faise a cinco anos vista da finalización de estudos, mentres que antes era a tres anos.

"Os datos dinnos o que está a pasar na realidade, tanto na Xunta como nas empresas estamos a incorporar cada vez máis os estudos", destacou Díez de Castro, quen tamén se referiu ao dato coñecido esta cuarta feira da caída da demografía, polo que isto suporá nuns anos tamén un descenso de universitarios.

Aínda que aínda falta por publicar os datos por áreas de estudo e facultade, de novo Ciencias da Saúde sitúase á cabeza en inserción laboral, que de media fica en algo máis de oito meses desde que se inicia a procura. De feito, Medicina, Veterinaria, Enfermería ou Fisioterapia atópanse coas porcentaxes máis altas de empregabilidade.

Comentarios