Novas detencións policiais agravan o conflito da mexilla

A Policía española detivo esta cuarta feira oito bateeiros pola súa suposta participación nos incidentes rexistrados na protesta do ramo do mexillón o 13 de abril en Compostela. O sector cualifica a situación de "desafortunada" e pensa desmentir "documentalmente" as afirmacións policiais.
Protesta do sector bateeiro en Compostela. (Foto: Europa Press)
photo_camera Protesta do sector bateeiro en Compostela, ante a Comisaría de Policía, após a detención de varios manifestantes, en abril. (Foto: Europa Press)

A detención de oito bateeiros realizada esta cuarta feira, máis de dous meses despois da concentración ás portas da sede da Xunta da Galiza en San Caetano, Compostela, que derivou nun enfrontamento entre os manifestantes e as forzas da orde, complica o conflito da mexilla. Segundo o comunicado da Policía, procedeuse á detención destes traballadores imputándolles delitos de desordes públicas, atentado a axentes da autoridade e lesións. por uns incidentes que, apuntan, terminaron con dezaseis policías feridos.

Os feitos aconteceron o 13 de abril, cando un grupo de bateeiros se concentraron á primeira hora da mañá ante o edificio administrativo de San Caetano, en Santiago. As protestas comezaron sobre as oito da mañá e, como en anteriores días, coincidían coa xornada de reunión do Goberno galego nesta sede. Pouco antes das 9 produciuse unha carga policial que os participantes cualificaron de "desproporcionada", con disparos de pelotas de goma "á altura da cabeza" e "porrazos na cabeza e brazos".

O voceiro da Federación de mexilloeiros de Arousa Norte, Álex Tubío, cualificou as detencións, en declaracións a Nós Diario, de "totalmente desafortunadas". Para este bateeiro o que aconteceu ese día en Santiago "foi unha provocación por parte das forzas de seguridade que estaban alí e hai moitos vídeos que o demostran". Nega que ese día, durante a protesta, "a xente subira o valo do edificio nin queimara contedores, todo o que dixeron foi falso", unha afirmación que pensan probar no seu momento "documentalmente" coas imaxes que conservan.

Sen petardos nin cadeas

As protestas daquel día remataron nas inmediacións da comisaría de Santiago despois de que unha muller fora arrestada para, despois, regresar ás portas da sede do Goberno galego. En total, naquela xornada foron detidas dúas persoas que quedaron despois en liberdade e rexistráronse varios feridos. No seu informe a Policía indicaba que se comisaron "paus de gran tamaño, petardos, parafusos, porcas, cadeas, reixas metálicas dos desaugadoiros, bolardos metálicos" e "utensilios de fabricación caseira para o lanzamento de obxectos".

Tubío asegura que esa listaxe "non é certa" coa excepción dos paus que, indica, "empregaron para defenderse e estaban suxeitando as árbores". Recoñece que leu o expediente inicial e afirma que o resto de elementos "son mentira e pódese ver nos vídeos que se fixeron". O actual responsábel de Arousa Norte non entende "nin o comportamento inicial da Policía ni moito menos o que ten agora". Confirma que o asunto está agora en mans "das avogadas e dos avogados".

En relación ao conflito da mexilla, Tubío indica que "todo segue igual, nin o presidente da Xunta nos recibiu nin hai ningún cambio".  Salvaron a campaña "pola aparición de cría, aínda que por collela tarde temos o problema grave para 2024 de que non poderemos vendela gradualmente".

Comentarios