Xustiza

O TSXG ratifica a condena a Ryanair a readmitir unha azafata despedida en Santiago durante a folga de 2022

O alto tribunal entende que a compañía vulnerou o dereito á folga desta traballadora, á que deberá abonar todos os salarios desde o seu despedimento e mais unha indemnización.
O persoal acusa a compañía de "vulnerar" o dereito á folga. (Foto: Ryanair)
photo_camera O persoal acusa a compañía de "vulnerar" o dereito á folga. (Foto: Ryanair)

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de ratificar a sentenza emitida previamente polo Xulgado do Social número 2 de Santiago de Compostela que obriga a compañía Ryanair a readmitir unha tripulante de cabina no aeroporto de Santiago despedida durante a folga de 2022, ao apreciar unha vulneración deste dereito constitucional. Contra este auto, con todo, aínda cabe presentar recurso de casación.

Os maxistrados avalan a que fora a primeira sentenza que condenaba Ryanair en relación con esa folga do verán de 2022, no que houbo múltiples paros convocados por USO. Así, declárase nulo e improcedente o despedimento da traballadora e obrígase a compañía aérea a readmitila, abonarlle todos os salarios desde o seu despedimento o 16 de agosto de 2022 e abonarlle unha indemnización por danos e prexuízos. Ademais, decrétase a perda do depósito de 750 euros constituído pola empresa para recorrer.

Ryanair argumentaba na súa carta de despedimento que a empregada incumprira os servizos mínimos da folga durante cinco xornadas —os días 25, 26 e 27 de xullo, e os 9 e 10 de agosto—. Porén, tal e como alegou a traballadora e comprobou o xuíz en primeira instancia, agora ratificado, a empresa comunicáballe os servizos mínimos que debía atender, pero, unha vez chegaba o día, asignáballe outros "sen mediar antelación". A azafata negouse a aceptar os cambios alegando o seu dereito a folga.

E é que a Sala vía contraria a este dereito constitucional "calquera medida que decida o empregador" que sexa tendente "a deixar sen efecto as consecuencias da folga", por exemplo "a substitución completa de todas as funcións que o traballador en folga debía desenvolver".

"Non se xustifica lexitimación algunha para efectuar os devanditos cambios sen mediar antelación. A empresa demandada incumpre a normativa en materia de folga, modificando os servizos asignados á traballadora como de servizos mínimos sen ofrecer xustificación algunha ao respecto. Introducindo en todas as comunicacións, así como nas previas ao comezo da folga mensaxes coactivos aos traballadores sobre o exercicio do dereito de folga, introducindo en todos e cada un deles a sombra do despedimento, en caso de incumprimento, ou adopción de medidas disciplinarias", sinala.

"A conduta da empresa supón unha transgresión do dereito constitucional á folga polo que procede declarar a nulidade do despedimento por vulnerar o mesmo", expuña a maxistrada na sentenza en primeira instancia agora avalada polo alto tribunal galego.

Comentarios