Folga na aerolínea

Acusan Ryanair de vulnerar o dereito a folga

O persoal con base en Santiago de Compostela iniciou esta segunda feira unha folga que consistirá en paros de 24 horas de segundas a quintas feiras até xaneiro de 2023.
O persoal de Lavacolla denuncia as prácticas da compañía aérea. (Foto: Clara Margais / DPA)
photo_camera O persoal de Lavacolla denuncia as prácticas da compañía aérea. (Foto: Clara Margais / DPA)

A representante sindical de USO-Ryanair en Santiago de Compostela, Laura Caballero, vén de denunciar as "ilegalidades" cometidas por parte da compañía aérea ao desprazar empregados desde Madrid á capital galega para operar os voos que poderían ser cancelados pola folga, iniciada esta segunda feira.

En declaracións aos medios de comunicación, Caballero cualificou de "crebafolgas" a decisión da empresa de desprazar persoal desde outras bases, por exemplo Madrid, até Santiago para que leven a cabo o traballo das persoas que exercen o dereito á folga.

"Espérase que todos os voos [desta segunda feira] vaian saír grazas ás ilegalidades que está a cometer a compañía para vulnerar o noso dereito á folga", criticou a portavoz de USO-Ryanair na capital.

O persoal asegura que a folga rematará "cando a compañía acepte sentar a negociar"

Con todo, Caballero reivindicou que os traballadores e traballadoras queren que a folga dure "o menos posíbel", indicando que rematará cando a compañía acepte sentar a negociar. "O único que queremos é que se recoñezan os nosos dereitos e no momento no que a empresa se digne a negociar connosco, a folga quedará desconvocada", engadiu.

Reclamacións

Entre as súas reclamacións, o persoal pide que Ryanair cumpra a lexislación española xa que, segundo apuntou o sindicato, moitos dos empregados e empregadas non chegan a cobrar nin o salario mínimo interprofesional (SMI) e non teñen os dereitos laborais que se inclúen no Estatuto dos Traballadores.

Denuncian o despedimento de persoal que se mobilizou en folgas anteriores

Aliás, Ryanair é a "única aerolínea" que opera no Estado español que non dispón dun convenio propio. O persoal tamén exixe a readmisión de once traballadores que foron despedidos "inxustamente" en convocatorias de folga anteriores e que se eliminen os expedientes disciplinarios abertos a decenas de persoas "por exerceren o seu dereito a folga".

Os tripulantes de cabina de pasaxeiros (TCP) de Ryanair iniciaron esta segunda feira unha folga que consta de xornadas de paros de 24 horas de segundas a quintas feiras todas as semanas até o 7 de xaneiro de 2023.

En Compostela, esta segunda feira até as 9 horas non se produciu ningunha cancelación, mais si tres atrasos, dous de voos con chegada á capital galega e un dun avión que partía do aeroporto de Lavacolla-Rosalía de Castro. A nivel estatal, Ryanair cancelou xa dez voos na primeira mañá da nova convocatoria de folga e até 51 viaxes sufriron atrasos.

Comentarios