O TSXG determina que non é motivo de despedimento a negativa dun traballador para pasar de fixo continuo a descontinuo

Trátase da primeira vez na que a sala do social do TSXG se pronuncia sobre a conversión dun contrato fixo continuo en fixo descontinuo, motivo que, segundo o demandante, estivo detrás do seu despedimento, xustificado pola empresa por razóns de perda de carga de traballo.
Sede do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza nunha foto de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sede do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza nunha foto de arquivo. (Foto: Europa Press)

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) determinou que a negativa dun traballador para aceptar a conversión do seu contrato como fixo continuo a fixo descontinuo non é un motivo válido para o seu despedimento.

Así o sentencian os maxistrados do alto tribunal galego nunha resolución na que desestiman o recurso de suplicación presentado por un ex empregado dunha empresa galega, xa que entenden que o seu despedimento pode xustificarse ao estar detrás da oferta empresarial para cambiar os termos do contrato por razóns de índole organizativa ou económicas.

Trátase da primeira vez na que a sala do social do TSXG se pronuncia sobre a conversión dun contrato fixo continuo en fixo descontinuo, motivo que, segundo o demandante, estivo detrás do seu despedimento, xustificado pola empresa por razóns de perda de carga de traballo.

Deste modo, e a pesar de que, neste caso, o tribunal entende que o despedimento non se produciu pola negativa do traballador para aceptar que o seu contrato pasase a ser de fixo descontinuo, os maxistrados estabelecen que este non pode ser un motivo válido para prescindir de forma legal dun empregado.

Nunha resolución facilitada polo TSXG, os xuíces marcan que a contratación como fixo descontinuo é unha fórmula "atípica" e que, por tanto, deben estabelecerse "certas garantías asociadas ao principio de voluntariedade, dirixidas a evitar que esa contratación sexa imposta pola empresa".

Sinalan que "nin antes, nin despois" da reforma laboral de 2021 existen estas garantías no artigo 16 do Estatuto dos Traballadores, onde se regula a contratación fixa descontinua.

Con todo, os xuíces entenden que o Dereito da Unión Europea considera este tipo de contratos como de tempo parcial, polo que é dentro deste prisma legal onde se debe encadrar a voluntariedade do empregado para aceptar cambios no seu status laboral.

"O rexeitamento dun traballador para ser transferido dun traballo a tempo completo a un traballo a tempo parcial, ou viceversa, non debería en por si constituír un motivo válido de despedimento", remarca a sala na súa sentenza, na cal engade que o despedimento dos traballadores que se neguen a aceptar o seu paso á condición de fixo descontinuo "cerna toda posibilidade de reclamación" contra a decisión "unilateral" e "ilexítima" da empresa.

Así, remarca que o traballador non pode ser despedido por negarse a aceptar a conversión, co que a súa rescisión sería "ilexítima", que equivale a 'non procedente' en dereito estatal pero que, como aclaran os xuíces na sentenza, non está dilucidado entre "improcedente ou nulo" na norma comunitaria.

Caso en particular

Con todo, a sala si considera xustificado o despedimento do demandante neste caso pois a oferta empresarial de conversión do seu contrato susténtase en razóns "ecomómicas, técnicas, organizativas ou de produción".

A compañía alegou unha baixada na carga de traballo para propor o cambio a un grupo de traballadores entre os que se atopaba o reclamante, cuxo despedimento por negarse a pasar a ser fixo descontinuo si entende como axustado a dereito.

Comentarios