O TSXG declara improcedente un despedimento baseado en probas obtidas tras abrir un maletín esquecido pola traballadora

Salienta que se vulneraron os dereitos fundamentais da prexudicada porque o acceso ao seu contido non estaba lexitimado "nin coa finalidade de identificar ao seu propietario, nin coa de comprobar o que había dentro.
Edificio do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (Foto: Europa Press).
photo_camera Edificio do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. (Foto: Europa Press)

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) declarou improcedente un despedimento disciplinario ao considerar ilícita a apertura, por parte doutra traballadora da empresa, dun maletín que a prexudicada deixou esquecido nun estabelecemento público e do cal se obtiveron as probas utilizadas para acreditar a causa dese despedimento.

O alto tribunal salienta que o acceso ao seu contido non estaba lexitimado "nin coa finalidade de identificar ao seu propietario, nin coa finalidade de comprobar o que había dentro". Por iso, os maxistrados declaran a vulneración do dereito fundamental á intimidade da empregada da Confederación Empresarial de Ourense, á cal condenou a abonarlle 6.000 euros, así como a readmitir á demandante, con abono dos salarios deixados de percibir, ou, no seu caso, a pagarlle, se así o decide a prexudicada, unha indemnización de 38.622 euros.

Na sentenza, os maxistrados relatan que a directora dun departamento da Confederación Empresarial de Ourense foi despedida en xaneiro de 2022, despois de que unha persoa acudise á sede da entidade para entregar un maletín que facía uns días deixara esquecido a empregada nun local de hostalería.

O maletín, segundo a resolución, foi recibido por dúas traballadoras da entidade, as cales "procederon a abrilo para examinar o seu contido (atendendo á proba testifical practicada en xuízo oral, realmente foi a primeira quen o abriu e, á vista do que atopou, avisou á segunda)". Ao ver que contiña documentos da empresa demandada, segundo o TSXG, avisaron ao secretario xeral, quen acordou un rexistro do maletín axustado ao establecido no artigo 18 do Estatuto dos Traballadores.

"Con todo, o intento de axustarse ao artigo 18 do Estatuto dos Traballadores non pode ter éxito pois a esixencia causal xustificativa do rexistro é que sexa necesario para a protección do patrimonio empresarial e do dos demais traballadores da empresa, e esa necesidade só xurdiu neste caso do ilexítimo acceso inicial", o cal "empezoña a lexitimidade do posterior rexistro".

"Como se ve, o acceso inicial ao contido do maletín produciuse sen mediar ningunha orde da empresa, senón en virtude dunha decisión motu proprio da traballadora que recibiu o maletín", indica a Sala, á vez que sinala que, nese momento, se descoñecía quen era o seu propietario.

"Ese simple descoñecemento non lexitimaba o acceso ao seu contido", recalca, pois afirma que "non existía nin a máis mínima sospeita de que houbese un incumprimento contractual por quen fose propietario do maletín, nin tampouco concorría ningunha outra circunstancia que, polas causas legalmente establecidas de protección do patrimonio empresarial ou dos traballadores, xustificase o acceso".

Con todo, o TSXG entende que non houbo ánimo de vulneración de dereitos fundamentais na obtención das probas ilexítimas, nin por parte da empresa nin por parte da traballadora que inicialmente accedeu ao contido do maletín, o que considera que é "circunstancia atenuatoria relevante". A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso.

Comentarios