Denuncian o despedimento por "coller vacacións" de dous homes que trataron de auxiliar Samuel Luiz

A empresa, en resposta a estas acusacións, alegou causas económicas e produtivas para o seu despedimento e, en particular, necesidade de empregados "máis cualificados", segundo sinalou un portavoz da propia empresa.
Ibrahima e Magatte traballaban até agora en Puertas Betanzos (Foto: Casa Museo Emilia Pardo Bazán).
photo_camera Ibrahima e Magatte traballaban até agora en Puertas Betanzos (Foto: Casa Museo Emilia Pardo Bazán).

A empresa Puertas Betanzos despediu os senegaleses Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye que tentaran auxiliar Samuel Luiz, asasinado no barrio coruñés do Orzán nunha agresión homófoba en 2021.

A contratación dos dous operarios por Puertas Betanzos fora anunciada polo propio empresario despois do recoñecemento social pola súa valente e decidida acción para defender Samuel Luiz da brutal malleira.

Porén, segundo denuncia a CIG -central sindical á que acudiron os dous homes esta semana para denunciar a súa situación-, "nada lles facía sospeitar de que tras aquel aparente xesto de bondade do empresario agochábase un contrato abusivo, con xornadas intempestivas de até 10 e 11 horas diarias polo soldo máis baixo do convenio". 

O sindicato explica que a situación chegou ao límite este Nadal, cando desde a empresa, tras saber que os dous empregados querían viaxar ao seu país aproveitando o seu período de vacacións, trataron de convencelos de renunciar ás mesmas, algo ao que se negaron.

En represalia, ese mesmo día foron despedidos con cadansúa carta por "causas económicas", subliña a CIG.

Resposta da empresa

A empresa, en resposta a estas acusacións, alegou causas económicas e produtivas para o seu despedimento e, en particular, necesidade de empregados "máis cualificados", segundo sinalou un portavoz da propia empresa.

Comentarios