Xustiza

O TSXG ratifica a condena a Navantia pola morte dun traballador por exposición ao amianto

A sentenza subliña que a compañía non facilitaba máscaras aos traballadores, que tampouco recibían "información expecífica" sobre a súa exposición ao amianto ou as medicións sobre a súa presenza no aire.
Estaleiros de Navantia en Ferrol. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Estaleiros de Navantia en Ferrol. (Foto: Nós Diario)

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza vén de ratificar a condena contra Navantia e a súa predecesora, Izar Construcciones Navales, pola súa responsabilidade na enfermidade contraída por un traballador do estaleiro entre 1973 e 1986 falecido en 2015 como consecuencia dunha abestose de longa duración, doenza provocada pola exposición ao amianto, material que este operario manipulou durante os seus anos na antiga Bazán.

A resolución da Sala do social do alto tribunal galego desestima o recurso presentada polas demandadas —Izar, en liquidación, e Navantia— pola viúva do operario, á que se recoñece o dereito a percibir un recargo de 40% da súa prestación por viuvez. O veredicto do TSXG, contra o que cabe recurso de casación para a unificación de doutrina, ratifica a sentenza do Xulgado do Social número dous da Coruña, que condenou as responsábeis do estaleiro pola enfermidade contraída por este empregado que desempeñou a súa actividade entre 1980 e 1986 como andamieiro e tubeiro.

As súas tarefas no estaleiro eran, fundamentalmente, o revestimento dos tubos que estaban fabricados con amianto, co que, como determinou a Xustiza, estaba moi exposto a este material que provocou a enfermidade que padeceu até a súa morte en 2015.

Na súa sentenza, o xulgado subliña que a compañía non facilitaba máscaras aos traballadores, que tampouco recibían "información expecífica" sobre a súa exposición ao amianto ou as medicións sobre a súa presenza no ar. Ademais, tampouco era obrigatoria a ducha ou lavado unha vez finalizada a xornada nos estaleiros e os empregados tiñan que levar a súa roupa para os seus domicilios.

No ano 1985 diagnostícaselle unha asbestose, que evolucionou progresivamente sucedéndose os ingresos hospitalarios de maneira habitual e constante até que desembocou no seu falecemento o 5 de maio de 2015.

Agora, segundo a resolución facilitada pola defensa da viúva levada a cabo pola firma Opamianto Avogados, a Xustiza recoñece o dereito desta muller para ver incrementada a súa pensión de 486 euros en 40%.

Comentarios