A Xustiza condena Navantia a indemnizar o ex traballador Rafael Pillado pola exposición ao amianto

A empresa naval pública terá que aboar 128.000 euros a Rafael Pillado.
Concentración en apoio a Pillado o 20 de setembro en Ferrol (Foto: Europa Press).
photo_camera Concentración en apoio a Pillado o 20 de setembro en Ferrol (Foto: Europa Press).

O Xulgado do Social número 2 de Ferrol admitiu de maneira parcial a reclamación presentada polo ex traballador da antiga Bazán -na actualidade Navantia-, Rafael Pillado, afectado por un cancro de pulmón como consecuencia da súa exposición ao amianto durante a súa etapa como empregado nos estaleiros.

Desta forma, o xulgado condena a empresa naval pública a indemnizar este xubilado por 127.909,22 euros, unha cantidade afastada dos máis de 379.000 euros que se reclamaban na demanda.

De todas as maneiras, o seu avogado, Suso Porta, confirmou esta cuarta feira que esta sentenza será recorrida a unha instancia superior, ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), ao estimar que a indemnización non se corresponde co dano causado.

Pillado, que foi un dos fundadores de CCOO na Galiza e membro destacado do Partido Comunista Español (PCE), ademais de edil no Concello de Ferrol; sofre na actualidade un mesotelioma polo que está a recibir tratamento oncolóxico.

Po en suspensión

A sentenza sobre o xuízo decorrido o pasado 20 de setembro recolle que Pillado debía permanecer con frecuencia nas cámaras de máquinas dos buques, tanto de nova construción como de reparación, "nas que existía po de amianto en suspensión".

Neste sentido, o tribunal recoñece que a empresa "non realizaba medicións para coñecer a concentración de amianto no ambiente, nin proporcionaba aos traballadores elementos de protección específicos". 

Así, determina que a enfermidade que padece na actualidade o histórico sindicalista está vinculada ao seu traballo nos estaleiros, como así testemuñan varios informes médicos.

Por tanto, fixa unha indemnización de 57.905,22 euros, aos que hai que sumar os danos derivados "da perda de calidade de vida", como consecuencia do cancro que padece, que cifra nunha contía doutros 70.000 euros.

Comentarios