Trasladan un traballador en Moraña tras sufrir unha caída de altura desde un silo

Sufre lesións nas pernas.

Ambulancia do 061 (CIG)

Un traballador foi trasladado este sábado nun sinistro laboral tras sufrir unha caída de altura en Moraña (comarca de Caldas), desde o silo ao que se subiu, a uns dous metros de altura, sufrindo lesións nas pernas.

Pouco despois das 14:30 horas, o 112 Galicia recibiu o aviso do accidente. O mesmo implicado explicaba que caera ao chan desde unha altura, nunha empresa de madeiras situada na parroquia de Laxe (Moraña).

Desde Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicaban a saída do helicóptero medicalizado con base en Santiago, que chegou a tomar terra no lugar dos feitos.

Con todo, unha vez finalizada a intervención, os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Moraña confirmaban ao 112 que o ferido foi trasladado en ambulancia.

As estatísticas facilitadas polo Ministerio de Traballo e Economía Social, realizadas con carácter bimensual, indican un incremento de 17% dos accidentes de traballo no período que vai de xaneiro a setembro de 2022 -respecto ao mesmo período de 2021-, lonxe por tanto do aumento que ten o conxunto do Estado español (13,3%) e á cabeza dunha listaxe na que tamén figuran Murcia (16%) e o País Valencià (14%).

Na Galiza, durante eses meses, tiveron lugar 20.919 accidentes. Deles, 20.541 foron leves, 320 graves e 58 remataron co resultado de morte (52 durante a xornada laboral e seis fóra dela). A cifra de falecementos, sen rematar o ano, é a máis alta desde 2016, cando morreron en accidente laboral 63 persoas. 

Outro dato a ter en conta é que a maior parte das persoas accidentadas eran asalariadas, 19.344, fronte ás 1.575 que eran autónomas. A incidencia da Covid-19, introducida nas estatísticas coa chegada da pandemia, case non influíu este ano nas baixas laborais que, até setembro, foron 67. 

Comentarios