A Galiza é o territorio do Estado onde máis incrementou a sinistralidade laboral

Os datos do Ministerio de Traballo e Economía Social sinalan que até setembro faleceron na Galiza 58 persoas, a cifra máis alta desde 2016. A CIG e CCOO demandan ás empresas que invistan máis en prevención de riscos laborais.  
Traballadores de estaleiros concentráronse onte en Vigo pola morte dun traballador nas instalacións de Cardama (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
photo_camera Traballadores de estaleiros concentráronse onte en Vigo pola morte dun traballador nas instalacións de Cardama (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).

O falecemento esta pasada quinta feira dun operario de 42 anos, que traballaba nun estaleiro de Vigo, ao caerlle a carga dun camión encima, puxo de novo enriba da mesa a problemática da sinistralidade laboral que padece a Galiza.

As estatísticas facilitadas polo Ministerio de Traballo e Economía Social, realizadas con carácter bimensual, indican un incremento de 17% dos accidentes de traballo no período que vai de xaneiro a setembro de 2022 -respecto ao mesmo período de 2021-, lonxe por tanto do aumento que ten o conxunto do Estado español (13,3%) e á cabeza dunha listaxe na que tamén figuran Murcia (16%) e o País Valencià (14%).

Na Galiza, durante eses meses, tiveron lugar 20.919 accidentes. Deles, 20.541 foron leves, 320 graves e 58 remataron co resultado de morte (52 durante a xornada laboral e seis fóra dela). A cifra de falecementos, sen rematar o ano, é a máis alta desde 2016, cando morreron en accidente laboral 63 persoas. 

Outro dato a ter en conta é que a maior parte das persoas accidentadas eran asalariadas, 19.344, fronte ás 1.575 que eran autónomas. A incidencia da Covid-19, introducida nas estatísticas coa chegada da pandemia, case non influíu este ano nas baixas laborais que, até setembro, foron 67. 

A industria manufactureira e a contrución, á cabeza

Por sectores, desde xaneiro a setembro de 2022 a maior parte dos accidentes laborais na Galiza tiveron lugar dentro de sectores como a industria manufactureira (4.564) ou a construción (3.033). Séguelles o comercio (2.329); a agricultura, gandería e pesca (1.432); o transporte e almacenaxe (1.316) e a hostalaría (1.185). 

As empresas, responsábeis dos aumento de accidentes

A valoración dos sindicatos é crítica. A responsábel de Saúde Laboral da CIG, Xulia González, considera, en declaracións a Nós Diario, que “27 anos despois da aprobación da Lei de prevención de riscos laborais, a seguranza no traballo segue a ser unha das materias pendentes que teñen as empresas”.

Unha das razóns estaría nas consecuencias, asegura, “das sucesivas crises que deixaron en último lugar o tema da prevención”. González apunta que as empresas continúan valorando atallar os accidentes laborais “como un custo e non como un investimento”.  

Desde CCOO, o seu secretario xeral de Saúde, Armando Iglesias, lamenta que a Galiza “siga nuns niveis de accidentes importantes e mesmo preocupantes” sen que “nin a Xunta nin o Goberno español poñan os medios necesarios para combatelo”.

Sinala a Nós Diario que “xa chegou de promesas, teñen que estar nos centros de traballo para evitalo”. Iglesias afirma que “está a fallar todo” nun sistema “de precariedade absoluta onde os ritmos son elevados e a formación é deficitaria ou nula". Por este motivo coincide na responsabilidade das empresas "que non deberían precarizar e si investir o necesario". 

As inspeccións actuais non funcionan

Ademais da responsabilidade das empresas, os sindicatos apuntan ás Administracións como unha parte importante da solución que rebaixe a problemática na Galiza. “As inspeccións non funcionan, se funcionasen moitos accidentes non terían lugar polo medo das empresas a ter sancións económicas”, asegura González desde a CIG.

Coincide nesta valoración Armando Iglesias. O sindicalista de CCOO demanda “endurecer as normas e pór medios para unha vixilancia efectiva” co obxectivo de reducir as estatísticas dos últimos anos.

Comentarios