Endesa gañou 2.398 millóns de euros en 2022, 77% máis que o ano anterior

A multinacional tamén anunciou que presentou un recurso á Audiencia española contra o imposto ás eléctricas por "discriminatorio e inxustificado"

Endesa reactiva a súa central térmica das Pontes. (Foto: Europa Press).
photo_camera Endesa reactiva a súa central térmica das Pontes. (Foto: Europa Press).

Endesa rexistrou un resultado consolidado neto de 2.541 millóns de euros en 2022, o que supón un crecemento de 77% respecto a un ano antes. O negocio do gas e o bo funcionamento das centrais de ciclo combinado impulsaron as ganancias da multinacional eléctrica.

Así mesmo, Endesa asegurou que no último ano bateu o seu propio récord en investimentos, con 2.343 millóns de euros, 8% interanual máis.

O ebitda subiu 25%, até os 5.327 millóns de euros. En paralelo, a compañía tamén anunciou que presentou un recurso á Audiencia española contra o imposto ás eléctricas por "discriminatorio e inxustificado". O tributo grava en 1,2% os ingresos netos das enerxéticas

No balance de 2022, a compañía remarca que foi un ano marcado pola crise enerxética “sen precedentes” desatada pola guerra en Ucraína.

Con todo, a mellora dos ingresos respecto ao exercicio anterior permitirá que a empresa reparta aos accionistas un dividendo bruto de 1,585 euros por acción, 6% máis do previsto.

En relación cos impostos, detallaron que a contribución fiscal elevouse até 3.843 millóns de euros, dos cales un 85% foron no Estado español; e sobre o imposto ás eléctricas, a compañía precisa que o recurso ante a xustiza que presentou súmase ao que hai unha semana presentou a patronal eléctrica española Aelec.

Á parte, Endesa celebrou consolidar a boa evolución comercial, cun aumento de clientes de 2%, até 10,5 millóns -no Estado e Portugal-. A empresa destacou que o mercado libre gañou  900.000 clientes respecto ao peche de 2021, ata alcanzar os 6,8 millóns.

Comentarios