A fin da central térmica das Pontes, máis perto: O Ministerio de Transición Ecolóxica autoriza o seu peche gradual

Procederase a apagar dous dos catro grupos de alimentación da central.
Protesta de transportistas na central térmica das Pontes. (Foto: Europa Press)
photo_camera Protesta de transportistas na central térmica das Pontes. (Foto: Europa Press)

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), tras recibir un informe de Rede Eléctrica de España (REE), autorizou o peche de dous dos catro grupos da central térmica das Pontes, propiedade de Endesa. O peche dos outros dous grupos autorizarase de maneira condicionada, atendendo ao reforzo de variábeis de dispoñibilidade de potencia no sistema eléctrico, informou o Ministerio.

Neste sentido, e tras coñecerse a decisión, Endesa presentou un plan de desenvolvemento de 2.682 millóns de euros para a  Galiza, que xeraría 1.361 empregos. Este plan, suxeito ás preceptivas autorizacións, expón a substitución dos 1.400 megawatts (MW) de carbón das Pontes por 1.300 MW renovábeis, incluíndo ademais o plan de desmantelamento da central, a instalación de novos proxectos industriais no emprazamento da térmica, o impulso loxístico á terminal do porto de Ferrol e un plan de formación para as persoas da contorna.

A vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, reuniuse esta segunda feira co conselleiro delegado de Endesa, José Bogas, unha vez recibido o informe do operador da rede eléctrica sobre a solicitude de peche da planta presentada pola compañía enerxética.

Aínda que o Ministerio xa contaba cun informe de REE elaborado en 2020 para autorizar o peche dos catro grupos da central de carbón, cuns 350 MW cada un, na primavera deste ano decidiu solicitar un novo informe, á vista das tensións provocadas nos mercados enerxéticos pola situación bélica en Ucraína e a elevada exportación de electricidade provocada pola seca e a indispoñibilidade de boa parte da enerxía nuclear francesa.

Promesas de Endesa

Nun comunicado, a empresa enerxética subliñou que "nin se vai nin se desentende das Pontes e a Galiza", polo que, para soster esta aposta estratéxica, presentou ao Ministerio de Transición Ecolóxica, así como á Xunta da Galiza e ao Concello das Pontes, un plan de desenvolvemento social e económico na rexión que "mostra o compromiso cun proceso de Transición Enerxética Xusta e a creación de valor nas Pontes e a súa contorna".

Igualmente, a estratexia da compañía recolle que todos os seus empregados serán recolocados noutras áreas da empresa, no desmantelamento, nos plans de futuro ou se acollerán a plans de saídas voluntarias.

Os eixos nos que traballará Endesa após o peche irán desde o desmantelamento da central, que terá unha duración estimada de catro anos e para o que se realizará un plan de formación que capacitará as máis de 130 persoas que participarán nestas tarefas, até o impulso de novos proxectos renovábeis na rexión.

Para iso, abordarase a tramitación destes novos proxectos para converter a capacidade da central en nova potencia limpa, coa construción de 1.300 MW de proxectos eólicos que permitirían crear, segundo Endesa, até 2.300 postos de traballo durante a fase de construción, e outros 274 empregos directos durante os 25 anos estimados de vida útil dos parques eólicos.

Comentarios