Os transportistas de carbón das Pontes confían en que a actividade non pare

Iniciaron esta semana o transporte de carbón desde o porto exterior de Caneliñas, en Ferrol, aos terreos da central térmica de Endesa nas Pontes.
Camións de carbón aparcados diante da térmica das Pontes durante as protestas posteriores ao anuncio de feche (Foto: Europa Press).
photo_camera Camións de carbón aparcados diante da térmica das Pontes durante as protestas posteriores ao anuncio de feche (Foto: Europa Press).

Após meses parados, medio cento de transportistas de carbón das Pontes retomaron esta semana a actividade. A situación do mercado enerxético europeo e a previsíbel reactivación dun dos grupos da térmica, pendente aínda da autorización de feche solicitada hai máis de un ano, levaron Endesa a demandar carbón para a central pontesa.

Como explica a Nós Diario o presidente dos transportistas de carbón das Pontes, 'Cholo' Bouza, Endesa informoulles hai un mes de que ían chegar ao porto de Ferrol varios cargamentos de mineral para a central térmica

Empezaron esta terza feira a movelos desde Caneliñas ao parque de carbóns de Saa, da central térmica. "Agora mesmo hai uns 42 coches. Estes días houbo algún menos, porque estaban a facer outras cousas ou non tiñan condutor", apunta Bouzas. 

En total, prevén mover entre 4.500 e 5.000 toneladas diarias, até completar as perto de 180.000 que, calculan, van chegar até o porto ferrolán. Esto daralles traballo para aproximadamente mes e medio. 

Por desgraza, non puideron reincorporarse ao traballo todos os transportistas que estaban a prestar servizo para Endesa antes do parón da actividade.

Perda de empregos

"As empresas, de hai dous anos a esta parte, foron facendo traballos por aí, a baixo prezo, porque se foron meter onde xa había outra xente. Desapareceu xente. Eramos 69 empresas con 140 coches traballando con carbón. Agora quedamos 58", indica o presidente dos transportistas.

En total desapareceron 10 empresas, "autónomos que tiñan un ou dous coches", o que supón "uns 17 coches que desapareceron xa definitivamente". Xunto a eles, tamén hai outras firmas que o están a pasar mal. "Son firmas con 25 ou 30 traballadores que dependían do carbón para ser sostíbeis. Ao morrer o carbón entraron en concurso de acredores".

Mais os económicos non son os únicos problemas aos que se tiveron que enfrontar os transportistas de carbón das Pontes. "As firmas máis grandes teñen falta de condutores porque os do carbón fóronselles indo, xa que non querían facer outros labores que os obrigaban a estar fóra da casa. Algún marchou con 18 ou 20 anos traballados e pedindo a conta", lembra Bouza. 

Con todo, iso non lles impide cumprir coas peticións de Endesa, que reclamou entre 40 e 50 vehículos para mover o carbón. "E se houbese necesidade de pór máis coches, non habería problema", engade.

Motivos para confiar 

Sobre o futuro, 'Cholo' Bouza é realista e optimista ao mesmo tempo. Recoñece que o do carbón "é un parche". "Pode ser que veña máis carbón, pero vai depender de como vexa o futuro enerxético. Podería quedar nas Pontes un grupo ou dous, eu non o descarto, pero é moi complicado e moi difícil que quede algo máis alá do ano que vén".

"Despois, Endesa nos ten prometido que todo o que veña para As Pontes polo porto exterior farémolo nós, sempre e cando non nos poñamos tolos cos prezos. Temos que ser prudentes, pero si faremos o transporte. Iso está por escrito". "De momento Endesa, do que nos prometeu, non incumpriu nada", concluíu.

Comentarios