As traballadoras de Meirama inician unha folga indefinida

O comité da térmica de Meirama pídelle a Naturgy plans concretos para o mantemento dos empregos.
comite empresa meirama
photo_camera comite empresa meirama

O vindeiro 30 de xuño é a data na que Naturgy deberá apagar para sempre a central térmica de carbón de Meirama, no concello de Cerceda, cumprindo así cos requirimentos de Bruxelas, que obriga a parar ás centrais máis contaminantes. Desde que a empresa deu a coñecer as súas intencións, as traballadoras e representantes de Naturgy mantiveron varias xuntanzas para coñecer os posíbeis escenarios após o feche. A derradeira desas reunións celebrouse o pasado 5 de febreiro sen grandes avances. 

Precisamente, a falta de concreción de medidas de investimento que garantan o futuro industrial da comarca foi a que levou ás traballadoras da planta de xeración eléctrica a convocar desde hoxe unha folga indefinida nas instalacións, aínda que non fechan a porta a atopar un punto de encontro coa empresa antes diso. Xa o intentaron coa presentaron dunha solicitude de mediación ante o Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais que desde Naturgy rexeitaron. Por iso, as representantes do comité ven na folga "o último recurso" para conseguir un compromiso de investimento na comarca que permita o mantemento dos postos de traballo.

Neste sentido, segundo explicaron nun comunicado, a empresa só esta "a estudar" a construción a longo prazo a construción de dous parques eólicos, "incumprindo o previsto nos plans do Ministerio de Transición Ecolóxica para as zonas afectadas polo feche de minas e centrais". Ademais, lembran que xa foron descartados pola empresas os investimentos para o estudo dunha posíbel reconversión da planta a biomasa ou biogás, tal e como solicitara a Xunta de Galiza.

Por outra banda, desde o comité lamentan que a empresa titular da planta de carbón non contemplase "ningunha alternativa laboral" para as empresas auxiliares que traballan dese hai anos neste centro. 

Comentarios