A CUT chama o persoal de Stellantis a protestar contra o "trato discriminatorio e inadmisíbel" da compañía

Stellantis para a súa actividade na segunda e a terza feira e, malia que a retomará na cuarta, boa parte do persoal "quedará na casa toda a semana", alerta a CUT.
Liña de montaxe da furgoneta Opel Combo na planta de Stellantis en Vigo. (Foto: Stellantis)
photo_camera Liña de montaxe da furgoneta Opel Combo na planta de Stellantis en Vigo. (Foto: Stellantis)

A factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis avanzou que volvería parar toda a súa actividade na segunda e terza feira desta semana, días 25 e 26 de abril.

Así, o sistema 1 da fábrica detén a súa produción estas dúas xornadas en todas as quendas. A previsión actual é que se reinicie a ensamblaxe de vehículos na devandita liña, onde se montan os Peugeot 301 e 2008, e o Citroën C-Élysée, a partir da cuarta feira, día 27, ás 6 horas.

Pola súa parte, o sistema 2 da planta de Balaídos, onde se producen principalmente as furgonetas das diferentes marcas do grupo, tamén para todas as súas quendas na segunda e a terza.

En resposta a este anuncio, a representación do sindicato CUT en Stellantis Vigo vén de convocar unha concentración ás portas da fábrica para esta quinta feira, día 28, contra as 13 horas.

O obxectivo é "denunciar a discriminación, coincidindo co Día mundial da saúde laboral no traballo e baixo o lema 'Pola saúde física e mental, non á discriminación'", o trato que está a recibir o persoal da factoría.

"A única liña que recupera a actividade con normalidade será o sistema 1, onde a produción comeza efectivamente o día 27 ás 6 horas con previsíbel normalidade para as tres quendas actuais", salientan, e destacan que, pola contra, no sistema 2 "a quenda de noite non terá actividade en toda a semana, previsibelmente até o 2 de maio".

E as quendas que si recuperan a actividade farano cunha produción por quenda de traballo dun cento de vehículos, "deixando na casa a maioría do persoal case toda a semana".

A CUT considera esta decisión "discriminatoria e inadmisíbel", xa que "non se entende que os titulares dos postos queden relegados do seu posto de traballo, descargando unha vez máis a falla de compoñentes sobre as costas das persoas traballadoras e sobre o erario público, cando os seus postos están sendo ocupados por outras persoas, incluso doutras quendas".

Comentarios