xoves 05/08/21

A sinistralidade laboral, malia a parálise nalgúns sectores, marcou tamén 2020

Os datos publicados polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) afirman que en 2020 houbo  4.511 accidentes de traballo con baixa Os accidentes mortais, ademais, aumentaron na pesca e na agricultura.  
Operarios traballando nunha obra en Santiago de Compostela (Nós Diario)
Operarios traballando nunha obra en Santiago de Compostela (Nós Diario)

O avance das estatísticas de accidentes de traballo relativos a 2020, que publicou o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), indica que non mellora a situación de sinistralidade que vén padecendo Galiza nos últimos anos. Coa particular situación vivida de pandemia, co confinamento e feche dalgunhas actividades como protagonistas, na Galiza tiveron lugar 24.511 accidentes de traballo con baixa. Deste total, un 90,99% ocorreron en xornada laboral (22.302 accidentes) e o 9,01% restante no desprazamento do domicilio ao centro de traballo ou viceversa (2.209 accidentes).

En relación co ano anterior, os accidentes de traballo con baixa en xornada laboral diminuíron un 24,45% e os accidentes in itinere descenderon un 29,27%. 

Se tratamos o mortalidade, os datos indican que o ano pasado morreron 59 persoas en accidente de traballo (52 en xornada laboral, dúas mortes menos que en 2019, e 7 in itinere). Segundo as estatísticas do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, Galiza rexistrou unha incidencia de 5,31 accidentes mortais por cada cen mil traballadoras e traballadores, mentres que a proporción na media do Estado español foi de 3,27. Na clasificación estatal sería o cuarto territorio con maior índice de accidentes mortais. 

Os accidentes mortais aumentaron en oito no sector primario (agricultura e pesca) e mantivéronse na construción. Na industria diminuíron en tres mortes e sete no sector dos servizos. Así mesmo, no sector primario, o maior incremento produciuse na pesca (5 mortes máis, 166,67% ) e na agricultura (tres mortes máis, 75%).

A Covid-19 e o traballo 

Na Galiza só se recoñeceron en 2020 un total de 92 persoas con Covid-19 como accidente laboral e ningún caso mortal. "É unha inxustiza que hai que corrixir", afirma Roi Fernández, de Comisións Obreiras (CCOO), na presentación onte dun estudo sobre a sinistralidade laboral no país durante o ano 2020 mais o impacto da pandemia no sector. Para este sindicalista, a adaptación dos postos de traballo á protección fronte ao virus "emerxeu como gran reto e custou moito adaptarse", en parte pola complexidade da situación, mais tamén "pola insuficiencia dunha cultura preventiva que, para o noso entender, necesita avanzar cunha lei de prevención de riscos que mellore a protección da clase traballadora", explicou Fernández.

Sobre os datos xerais, sinala que a paralización da actividade en 2020 fixo que descendera o número de accidentes de traballo, mais a diminución foi moito menor nos leves que nos graves e mortais, polo que "algo está a fallar", denunciou. 

Fran Cartelle, desde a CIG, fai unha valoración negativa dos datos polo aumento dos accidentes graves "nun ano no que a actividade se reduciu en moitos sectores". Considera que está relacionado coa "idea das empresas da prevencións de riscos, que entenden como un gasto e non como un investimento na saúde laboral". Para Cartelle, coa pandemia "as empresas quitaron a careta e non tomaron en serio a situación".

Mar Martín, de UXT, pon como exemplo o sector da construción, que, malia a diminución da actividade pola pandemia, mantivo a mesma sinistralidade en 2020. "Traballaron menos meses, mais as condicións non cumpriron a prevención de riscos laborais", asegura, e nese sentido pide que as empresas "integren a saúde laboral na saúde publica".

comentarios