martes 29/09/20

Os sindicatos responden á proposta de diálogo social de Feixoo

O candidato á presidencia da Xunta da Galiza asegurou que a  primeira medida do seu mandato sería convocar a Mesa do Diálogo Social. Os sindicatos responden lembrando a falta de consensos e acordos, ademais de expoñer as súas prioridades para esta lexislatura marcada pola pandemia da Covid-19. 
Persoal de Alcoa San Cibrao nunha das mobilizacións realizadas en Compostela en defensa dos seus postos de traballo.(Arxina)
Persoal de Alcoa San Cibrao nunha das mobilizacións realizadas en Compostela en defensa dos seus postos de traballo.(Arxina)

O anuncio do candidato á presidencia da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, de que a súa primeira decisión, xunto co nomeamento do novo Goberno, sería a convocatoria da Mesa do Diálogo Social xa tivo contestación por parte dos sindicatos CIG, CCOO e UXT

En declaracións a Nós Diario o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, asegura que o sindicato nacionalista "ten vontade de diálogo, mais non vai lexitimar as políticas regresivas, reaccionarias e de recortes que Feixoo leva anos practicando". Diante desta proposta Carril lembra que "seguen vixentes as declaracións contidas na carta que se remitiu no seu momento a Feixoo con motivo da creación dun comité de expertos para superar a crise económica e social derivada da Covid-19". Fora no mes de maio cando a central sindical expresara a súa enérxica protesta pola exclusión da convocatoria de reunións que tiveron lugar para tratar a situación laboral, económica e social do país no proceso de desconfinamento.

Daquela a CIG denunciara que o presidente da Xunta "negaba" a existencia da primeira forza sindical da Galiza actuando dunha maneira "profundamente sectaria  e antidemocrática", ao rexeitar a participación "a quen temos a condición de central sindical máis representativa na Galiza". Por este motivo Carril sinalaba que esta forma de proceder por parte de Feixoo "demostra pouca vontade de afrontar a grave situación que atravesamos coa intención decidida por construír todos os entendementos e consensos posíbeis, aínda desde as lexítimas diferenzas que poidan existir". 

Na mesma carta explicaba que "a decisión da CIG de non participar no denominado diálogo social na Galiza responde a unha decisión soberana desta organización, tomada en uso da súa liberdade sindical, e non pode ter máis consecuencias que as inherentes a aquel proceso, do cal non se deriva que poida vostede vulnerar gravemente os nosos dereitos de participación institucional e dispensarnos un trato discriminatorio como represalia pola adopción de decisións sindicais lexítimas".

Remataba a carta pedindo que desde o Goberno galego procederan "a nos convocar a unha reunión, na data e hora da súa conveniencia".

CCOO: Diálogo Social si, mais con cambios

Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO na Galiza, explica a Nós Diario que "é de agradecer que se acorde do diálogo social no discurso de investidura", un emprazamento "ao que estamos obrigadas e obrigados todos e que precisa "unha vontade real do conxunto do próximo Goberno" do que, desde este sindicato, agardan que traia "cambios". Sarmiento cre que esta chamada debería ser "sincera e leal, non só ao conxunto dos sectores sociais e económicos senón tamén ao resto de forzas parlamentarias", coa idea de "artellar ese plan estratéxico Galiza 2021-2030 que estamos obrigados a reformular" por cambiar o contexto pola chegada da Covid-19. 

Entre as prioridades que CCOO porá enriba desa mesa cando se convoque de maneira oficial están a mellora da calidade do emprego "para responder ao reto demográfico da Galiza" e reformular o Servizo Público de Emprego. "Temos que meter a Galiza nunha senda cooperativa e deixar de lamentarnos que non temos grandes empresas, temos que xogar o desafío da transición nun contexto de mediana e pequena empresa", engade Sarmiento. Desde este sindicato cren que hai que fomentar unha "cultura da cooperación" para optar a proxectos compartidos.

Alén diso, Sarmiento critica que se tardase tanto en anunciar o diálogo social na Galiza até chegar agora no inicio dunha nova lexislatura. Ademais avisa de que non se pode afrontar a situación actual "cunha consellaría como a de Educación, que non ten cultura de diálogo". 

UXT: Diálogo social tamén co sector público

Desde UXT José Antonio Gómez, o seu secretario xeral, afirma en declaracións a Nós Diario que "o diálogo é imprescindíbel nos tempos de pandemia que vivimos". Desde o seu punto de vista, as políticas públicas teñen que ser "expansivas" e o diálogo social, neste caso, "xoga un papel fundamental" polo que demandarán "que o sector público teña un papel importante". Asegura que a chegada da Covid-19 deixou en evidencia a "debilidade do estado do benestar que xa viña dunha mala situación coa crise de 2008" polo que desde este sindicato cren que "urxen reformas que partan deste diálogo social".

Como medidas prioritarias, segundo Gómez, estarían aquelas dirixidas a "controlar a situación sanitaria e tratar aos sectores sociais que máis sufriron a crise".

comentarios