CCOO e UXT pactan coa Xunta e a patronal

Diálogo social a tres bandas

A poucos meses dunhas eleccións e en medio dunha complicada situación económica, o Goberno galego consegue a imaxe de pacto social coa participación da patronal e os dous sindicatos estatais con máis representación na Galiza, CCOO e UXT.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no acto de sinatura do acordo no marco do Diálogo Social.
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no acto de sinatura do acordo no marco do Diálogo Social (Xunta)

Xunta, patronal, CCOO e UXT asinaron esta terza feira 10 de decembro un novo acordo no marco do Diálogo Social do que se desmarcou ao inicio da negociación CIG. O documento contén cinco apartados que tratan sobre a igualdade de oportunidades, cláusulas sociais na contratación pública, o impulso para a transformación tecnolóxica da industria galega, políticas activas de emprego e a modernización das relacións laborais.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou no acto de conformidade deste acordo que chega “nun momento no que é preciso máis responsabilidade" e "exixe que nos acheguemos para conter xuntos as posíbeis dificultades que van vir”. Na sinatura participaron o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o representante do empresariado, Antonio Fontenla; e os representantes sindicais, José Antonio Gómez (UXT) e Ramón Sarmiento (CCOO).

Da igualdade a novas relacións laborais

O texto aprobado comeza cun primeiro apartado no que se recollen algunhas medidas para reducir a fenda salarial como a revisión dos protocolos de recoñecemento de igualdade nas empresas ou uns contidos mínimos en formación para a igualdade.

Os procesos de licitación do emprego que xera a Xunta da Galiza e outras administracións protagoniza o segundo dos apartados. Segundo CCOO o documento garante neste punto a aplicación efectiva da Lei de contratación do sector público a través dos propios pregos de condicións. Estes incluirán o orzamento suficiente para asegurar a aplicación dos convenios sectoriais e as súas actualizacións. No marco dos acordos, recóllese que os pregos de licitación cumpran a normativa de seguridade e saúde laboral, a inclusión do plan de igualdade e incorporar, como mínimo, dúas cláusulas sociais.

A negociación púxose en marcha a partir do 18 de febreiro

No terceiro dos apartados chégase a acordos sobre a Axenda Industria 4.0 de Galiza e sobre a transición enerxética xusta. “Acordamos facer unha diagnose sobre a transformación tecnolóxica e o emprego”, sinala Antonio Fontenla, “deseñar estratexias específicas neste senso e xerar un ecosistema de axentes tecnolóxicos que acompañen ás empresas”, engade.

As políticas activas de emprego, o cuarto apartado, sinala como primordiais a compensación a traballadoras e traballadores que tiveran expedientes de regulación temporais, así como a redución salarial que sofren durante o desemprego. Tamén inciden na incorporación das mozas e mozos ao mercado de traballo impulsando mediante incentivos a figura da xubilación parcial con contrato de remuda.

O último dos apartados xa se asinara no Consello de Relacións Laborais e trata do novo acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solucións de conflitos de traballo.

Negociación difícil

A negociación púxose en marcha a partir do 18 de febreiro a través de cinco mesas, unha por cada unha das temáticas a tratar. Dez meses de traballo que non foron doadas como explica a Nós Diario o secretario xeral de CCOO na Galiza, Ramón Sarmiento. “Tivo momentos moi críticos ao inicio, mesmo a negociación chegou a romper pola nosa insistencia en ter unhas mesas reivindicativas en cada apartado”, relata. Sarmiento apunta que o resultado “non recolle o 100% das nosas demandas mais é un bo acordo”.

Comentarios