Sindicatos da construción de todo o mundo analizan en Compostela os retos do sector

A desregulación do mercado laboral e as súas consecuencias para a clase traballadora, no foco do debate

Representantes de sindicatos da construción de todo o mundo danse cita esta fin de semana en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Representantes de sindicatos da construción de todo o mundo danse cita esta fin de semana en Compostela. (Foto: Nós Diario)

A primeira hora da mañá deste sábado, 9 de setembro, arrincaba en Compostela a xuntanza do comité executivo da Unión Internacional de Sindicatos de Traballadores e Traballadoras da Construción, Madeira e Materiais de Construción (Uitbb) da Federación Sindical Mundial (FSM). Unha xuntanza na que a CIG é anfitrioa e na que se apuntou como principal problema do sector a desregulación do mercado laboral e as consecuencias que isto ten tanto para as traballadoras e os traballadores inmigrantes como para os locais.

O encontro comezou cun saúdo do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e a posterior intervención do secretario nacional da CIG-Construción, Plácido Valencia, quen explicou o modelo sindical da CIG aos asistentes; a realidade territorial e política no estado español, con tres nacións históricas, Galiza, Euskadi e Catalunya, que “loitamos pola nosa soberanía” e o papel dos sindicatos CCOO e UGT, que “optaron pola conciliación e un papel institucionalizado”, que ten provocado “grandes retrocesos nos dereitos laborais”.

Fronte a iso, salientou o papel referencial do sindicalismo soberanista en Euskadi e Galiza, a súa capacidade de loita e o feito de ter sido quen de conseguir subas salariais por riba da media do Estado español.

O secretario nacional da federación de Construción e Madeira da CIG fixo unha análise tamén da situación do sector en Galiza, con arredor de 100.000 traballadores e traballadoras, e apuntou os retos que se ten fixado o sindicato. Entre otros, a recuperación dos dereitos perdidos, a recuperación salarial tomando como referencia o IPC real, unha maior seguridade e hixiene nos postos de traballo ou a loita pola igualdade entre homes e mulleres. Obxectivos para os que considerou imprescindíbel a mobilización e unha contundente resposta social.

Retos mundiais

Plácido Valencia fixo tamén unha análise da situación internacional, atravesada por sucesivas crises, desde económicas a sanitarias e agora tamén por guerras como a da Ucraína. Valencia subliñou que subliñou que “uns países teñen recursos naturais e outros, que non os teñen, son os que os explotan, non dubidando en empregar até recursos bélicos para conseguilos”.

Esta explotación dá lugar a “xeracións forzadas á emigración”, unha migración que, segundo Valencia, “tradúcese na chegada masiva de persoas ás nosas fronteras na procura dunha vida mellor para si e os seus, que van ser explotadas unha vez máis, pero lonxe da súa casa”. Por iso considerou que ese é precisamente un dos retos de futuro que teñen os sindicatos a nivel mundial, darlle unha solución “dunha forma xusta e transversal” a este problema “cada vez máis grave e urxente”.

Desregulación do mercado laboral

A esta mesma cuestión referiuse Michalis Papanikolaou, secretario xeral da Uitbb, que considerou tamén as guerras, as malas condicións económicas e as catástrofes naturais como principais causas da situación que padece, a nivel internacional, a clase traballadora.

Nese sentido, apuntou que o sector da construción recibe cada día un gran número de inmigrantes o que, afirmou “supón un gran problema, xa que son vulnerables ás presións e a explotación dos empresarios”. Unha explotación que, asegurou que “se presenta de moitas formas e sempre actúa a favor dos empresarios e en contra tanto dos traballadores inmigrantes como dos locais”.

Papanikolaou denunciou a desregulación do mercado laboral e coincidindo con Valencia, considerou que a aparición de fenómenos como a xenofobia, o racismo, o fascismo e a intolerancia “dificultan a unidade e a acción unitaria dos traballadores”. Por iso, sinalou que ese é un tema que debe preocupar cada día ás organizacións membro da Uitbb e que “a batalla debe intensificarse”, para “eliminar estas discriminacións, para que os traballadores, inmigrantes e locais poidan facer fronte a este problema”.

No decurso da mañá sucedéronse as intervencións do resto das e dos representantes dos sindicatos a nivel mundial, que continuarán no decurso da tarde do sábado e no domingo, cando se presentarán as conclusións e obxectivos para o ano 2024. Ademais, na tarde do domingo terá lugar o Encontro Europeo, co que fecharán estas dúas xornadas de intenso debate arredor dun sector chave, como o da Construción, a nivel internacional.

Comentarios