Siemens obtén millóns mentres fecha nas Somozas

A compañía eleva a súa facturación 15% 
Aeroxeradores de Siemens-Gamesa agardan a ser montados. (Foto: Siemens Gamesa)
photo_camera Aeroxeradores de Siemens-Gamesa agardan a ser montados. (Foto: Siemens Gamesa)

Siemens-Gamesa, a multinacional que o pasado mes anunciaba a súa decisión de fechar a planta de pas das Somozas e despedir máis de 200 persoas, vén de mudar as súas previsións económicas para o primeiro semestre do ano, no que prevé un incremento das vendas de 15%, até os 2.300 millóns de euros, e un beneficio neto de 121 millóns.

Para a Federación de Industria, Construción e Agro de UXT, ante estes resultados, a empresa debería retirar o ERE.

Neste senso, consideran "incríbel" que no Estado español se permita fechar centros de fabricación de empresas con beneficios deste calibre "nun momento no que ademais de estar inmersos nunha crise conxuntural orixinada pola pandemia, as grandes empresas deberían dar exemplo do seu compromiso coa sociedade e aplicarse o modelo de ser socialmente responsábeis, en lugar de aproveitar para aplicar medidas estruturais". 

"Ao parecer, a Siemens non lle importa en absoluto nin a pandemia nin os traballadores, como o demostra o feito de que contexto de beneficios opte por fechar centros de fabricación no noso país para levar a produción a outros países con menores custos", apuntan desde o sindicato.

Desde UXT FICA entenden que se nos tres primeiros meses do exercicio fiscal (desde o 1 de outubro de 2020 até o 31 de decembro de 2020), a empresa xerou uns beneficios de 121 millóns de euros tendo abertos os centros de fabricación das Somozas e Cuenca, "resulta incontestábel que ambos os centros son rendíbeis", e máis cando as perspectivas sinalan que, con toda probabilidade, os beneficios deste ano van superar os 500 millóns de euros.

Por iso, desde o sindicato fan un chamamento ás Administracións para que revisen esta estratexia de fechamentos "inxustificados" que está a levar a cabo Siemens-Gamesa e para que examinen as adxudicacións que realizan ao grupo Siemens-Gamesa no Estado español, xa que consideran que deben estar ligadas ao mantemento do emprego e do tecido industrial no país.

Nesta liña UXT FICA esixe tamén a revisión do plan industrial polo cal a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) eximiu a compañía Siemens de lanzar unha OPA no seu día para facerse co control da antiga Gamesa.

Comentarios