A Xunta fixa un mínimo de dous coidadores por centro na folga de escolas infantís privadas

O persoal destes centros está chamado por diferentes sindicatos a se mobilizar esta quinta feira para exixir un convenio "digno" e salarios "xustos".
A maioría de casos de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida descritos até o momento danse en crianzas de menos de 5 anos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rapaz nunha escola infantil. (Foto: Nós Diario)

A Consellaría de Política Social fixou os servizos mínimos para a xornada de folga das escolas infantís privadas e de xestión indirecta convocada para esta quinta feira, 29 de xuño, na que deberá haber dous traballadores de atención directa aos nenos que garantan a apertura e fechamento dos centros. Ademais, nas escolas dúas ou máis unidades deberá haber unha persoa de atención directa por cada unha das unidades.

Os sindicatos CIG-Ensino, CCOO, UXT, SNEPdeG e USO convocaron o persoal de escolas infantís privadas e de xestión indirecta de centros de titularidade pública, de 0 a 3 anos de idade, a unha folga para reclamar un convenio "digno" e salarios "xustos".

A Axencia Galega de Servizos Sociais conta actualmente con dúas escolas infantís xestionadas por unha empresa privada —San Paio e Complexo Administrativo de Pontevedra— e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar conta con seis escolas infantís de xestión privada —A Guarda, Betanzos, Carballo-A Braña, Coristanco, O Pino e Pontevedra-Monte Porreiro—, co seu persoal incluído no ámbito do XII convenio colectivo de centros de asistencia e educación infantil.

Ademais, o propio 29 de xuño haberá unha manifestación en Santiago, que sairá da Alameda e rematará diante a sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), na Rúa do Vilar. Con estas mobilizacións buscan responder as propostas que consideran insuficientes por parte da patronal na negociación do XIII convenio colectivo de centros de educación infantil.

As negociacións do convenio, de ámbito estatal, iniciáronse hai máis dun ano sen que se avanzase polo "inmobilismo" das patronais, pois "non mostraron vontade de chegar a ningún acordo que permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos", lamenta a CIG.

Os sindicatos denuncian que se busca atrasar a actualización dos salarios, que actualmente fican por baixo do salario mínimo interprofesional (SMI), "impedindo así que as traballadoras poidan recuperar o poder adquisitivo perdido". Tamén acusan as patronais de "un grave prexuízo" para as traballadoras do sector de xestión indirecta ao impedir a firma dunhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos últimos concursos públicos.

Comentarios