Persoal de escolas infantís privadas irá á folga o 29 de xuño para reclamar un convenio "digno"

O colectivo anuncia mobilizacións o 22 e o 27 de xuño, así como unha manifestación o propio día do paro.

Traballadoras e traballadores das escolas infantís denuncian unha "constante perda de poder adquisitivo". (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Traballadoras e traballadores das escolas infantís privadas denuncian unha "constante perda de poder adquisitivo". (Foto: Xunta da Galiza)

Os sindicatos CIG-Ensino, CCOO, UXT, SNEPdeG e USO convocaron o persoal de escolas infantís privadas e de xestión indirecta, de 0 a 3 anos, a unha folga o 29 de xuño para reclamar un convenio "digno" e salarios "xustos".

Previamente, esta quinta feira, 22 de xuño, farán concentracións na Coruña (Obelisco) e Vigo (Marco) a partir das 20 horas. Así mesmo, o 27 de xuño faranse accións de protesta nas escolas nas que os traballadores e as traballadoras levarán carteis, camisetas e lemas reivindicativos.

Ademais, o propio 29 de xuño haberá unha manifestación en Compostela, que sairá da Alameda e terminará ante a sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), na Rúa do Vilar. Con estas mobilizacións buscan responder a propostas que consideran insuficientes por parte da patronal na negociación do XIII convenio colectivo de centros de educación infantil.

As negociacións do convenio, de ámbito estatal, iniciáronse hai máis dun ano sen que se avanzara polo "inmobilismo" das patronais, pois "non mostraron vontade de chegar a ningún acordo que permita ás traballadoras e aos traballadores recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos", segundo informa a CIG nun comunicado.

De feito, os sindicatos denuncian que se busca atrasar a actualización dos salarios, que actualmente se atopan por baixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), "impedindo así que o persoal poida recuperar o poder adquisitivo perdido". Tamén acusan as patronais dun “grave prexuízo" para o persoal do sector de xestión indirecta ao impedir a sinatura dunhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos últimos concursos públicos.

As centrais sindicais critican o “inmobilismo e o involucionismo das patronais”, “"que está a causar unha constante perda de poder adquisitivo e a permanente intención de recortar os dereitos laborais e sociais. Exiximos, con urxencia, un cambio de rumbo que garanta o futuro do sector e valore e recoñeza o labor socioeducativo que realiza o persoal. É fundamental que se tomen medidas para asegurar unha situación laboral digna e xusta para todas as profesionais do sector das escolas infantís".