mércores 05/08/20

O servizo de prevención de incendios irá a folga en agosto

O persoal tomou esta decisión en asemblea polo que conisderan "nula vontade de Medio Rural" de negociar.
Concentración técnicos prevención de incendios diante da Xunta (Riobó Prada)
Concentración técnicos prevención de incendios diante da Xunta (Riobó Prada)

As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UXT anunciaron onte a convocatoria dunha folga indefinida do servizo de prevención de incendios forestais a partir do día 1 de agosto. Esta medida tomouse en asemblea de traballadoras e traballadores após comprobar, segundo indican nun comunicado, "o nulo avance das negociacións dun novo acordo que regule as condicións de traballo" deste persoal.

A folga comezará ás 00 horas do primeiro día de agosto e afectará os postos de traballo do persoal técnico de incendios forestais da Consellaría do Medio Rural, que pertencen aos grupos A1 e A2 de escalas enxeñeira e enxeñeiros técnicos forestais e de montes. Este persoal pídelle á Administración que regule as condicións de traballo nun novo acordo que aumente os efectivos para garantir os descansos legais estabelecidos sen afectar negativamente aos servizos públicos, unha redución do horario anual que supera agora as 2.000 horas, regular o traballo en fins de semana, festivos, gardas e descansos compensatorios e garantir 15 días de vacacións no verán.

Ademais exixen distribuír a carga de traballo e mellorar a organización entre a xestión de montes, a prevención e loita contra incendios forestais e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais. 

O último acordo é de 2008

Este persoal profesional técnico comezou as mobilizacións unha vez rematado o estado de alarma pola Covid-19, o pasado 23 de xuño. Este colectivo denuncia que  a Consellaría de Medio Rural segue ancorada no ano 2008, data do seu último acordo, polo que teñen que facer 500 horas máis que o resto de persoal da Administración e non teñen dereito a vacacións por estar as 24 horas, os 365 días do ano, pendentes do monte. Denuncian que os cadros de persoal son do ano 2000, cunha negociación paralizada desde 2019.

comentarios