Denuncian precariedade nas brigadas contra incendios municipais na Galiza

As brigadas municipais de bombeiras e bombeiros son unha peza fundamental na estratexia de loita contra os incendios na Galiza. Unha asociación denuncia as súas malas condicións e a falta de interese por parte das Administracións en controlar  a súa xestión mentres algúns concellos aproveitan ese persoal para realizar traballos de limpeza sen facer. 
Material e vehículo que emprega unha brigada municipal (Nós Diario)
photo_camera Material e vehículo que emprega unha brigada municipal (Nós Diario)

A asociación de bombeiras e bombeiros forestais dos concellos da Galiza (Bomfocoga) vén de denunciar a situación deste colectivo que, outro ano máis, entra na época de maior risco de incendios nunhas condicións que cualifican de "inaceptábeis" por pór en perigo "a saúde das propias traballadoras e traballadores".

A entidade leva desde 2018 insistindo en solicitar a equiparación deste persoal, co que depende de maneira directa da Consellaría de Medio Rural, e que se controle a súa xestión para evitar o uso interesado das contratacións por parte dalgunhas alcaldías. Na actualidade este persoal traballa tres meses ao ano, os que coinciden coas altas temperaturas, e os Gobernos municipais obríganlles a realizar tarefas de prevención. 

O Pladiga, papel mollado nos concellos

As bombeiras e bombeiros forestais que traballan neste eido nos concellos, máis de mil persoas, réxense polo Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza (Pladiga), aprobado o pasado mes de maio pola Xunta da Galiza. Aínda así non contan con convenio propio e parten da lexislación do Estatuto das traballadoras e traballadores. "No colectivo municipal non figuran os horarios nin os equipamentos de protección individual (EPI)", explica a Nós Diario César Touza, presidente de Bomfocoga. O Pladiga recolle que na tempada de alto risco, na que estamos agora mesmo, non se poden realizar traballos de prevención como rozas.

"Se hai un incendio as brigadas deben estar preparadas e non cansas por rozar o monte", explica Touza, "e ademais é moi perigoso traballar con maquinaria que poida provocar incendios, como xa ten acontecido máis dunha vez", engade. Aínda así constatan que os concellos empregan este persoal para limpar pistas e zonas que deberían de estar en boas condicións nesta época do ano.

Dentro do colectivo afectado está tamén o persoal de condución dos vehículos autobomba que, segundo Bomfocoga, "sofren esta situación, non cobran complementos e traballan máis horas, chegando nalgúns casos a realizar denuncias".  

Xestión municipal sen control

"Os salarios son baixos", explica Touza, "dependen dos fondos europeos e cada concello pon os que quere", engade. Este colectivo non entende como pode haber diferenzas de entre 300 e 500 euros nas nóminas de persoal da mesma categoría entre diferentes municipios. Desde Bomfocoga denuncian que non hai control destes orzamentos que moven os municipios galegos cando observan que seguen "con ferramentas, coches de máis de 30 anos e utilización de equipos persoais en mal estado cando lles dan diñeiro para ese material".  Explican que hai casos de concellos que non se adhiren aos convenios por considerar que "son moito gasto". 

Solución entre Medio Rural e concellos

"Os concellos teñen unha capacidade limitada, xa sabemos como funciona  o seu sistema de  contratación", explica a Nós Diario Ibán Álvarez, membro de Bomfocoga, "cada concello asina o seu convenio de colaboración coa Fegamp e esta asina outro con Medio Rural”, relata. Nesta negociación a tres bandas sería a propia Xunta e os concellos as Administracións que poderían solucionar esta situación.

Neste sentido desde Bomfocoga aseguran que é "alarmante" que o número de concellos que, por medio da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), asinou o convenio de colaboración coa Consellaría de Medio Rural descendese nos últimos anos. "Agora mesmo pensamos que hai uns 200 concellos que asinan estes convenios e cada brigada consta de cinco persoas, polo que somos un colectivo de 1.000 persoas aproximadamente", asegura Álvarez, "mais non temos datos seguros e estamos en xullo".

Comentarios