Sanidade pública

O servizo de Anatomía Patolóxica do CHUS incumpre a seguridade laboral: traballan con canceríxenos e sen ventilación

Oncoloxía rexistra meses de atraso nas revisións, alcanzando nalgúns casos case un ano de demora.
Protesta do persoal de Anatomía Patolóxica do CHUS, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta do persoal de Anatomía Patolóxica do CHUS, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)

Persoal técnico de Anatomía Patolóxica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) denunciou esta sexta feira ante o Servizo de Medicina Preventiva o "abandono do servizo" e as "condicións de traballo" ás que se ven expostas que, segundo afirman, incumpren as directrices e as recomendacións de Inspección de Traballo, do que acusan Eloína Núñez, xerente da área sanitaria. 

"O persoal leva sufrindo desde hai tempo episodios de dor de cabeza, prurito na gorxa, proído nos ollos e mesmo epistaxe, ao non traballar nun entorno seguro", relata CIG-Saúde nun comunicado.

No laboratorio de Anatomía Patolóxica traballan con produtos altamente canceríxenos, como o formol, polo que as condicións de seguridade "deben extremarse". Nas instalacións do laboratorio "existen deficiencias na aspiración e nas súas canalizacións" que afectan "a saúde do persoal". 

Atraso en Oncoloxía

Pacientes do CHUS acudirán esta segunda feira á Valedora do Pobo para denunciar que as revisións oncolóxicas ás que tiñan que someterse levan varios meses de atraso –nalgúns casos, a demora case alcanza un ano–, unha situación que, segundo lles trasladaron desde o centro hospitalario, débese a "problemas de falta de persoal". 

Comentarios