A Seguridade Social vulnera a intimidade das mulleres de baixa

A CIG presenta unha denuncia contra o organismo.
Susana Méndez e Nicolasa Castro, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Susana Méndez e Nicolasa Castro, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou a Seguridade Social ante a Axencia de Protección de Datos e ante os organismos de representación do INSS, por "vulneración de protección de datos" das mulleres cando se acollen a baixas por menstruación incapacitante, interrupción (voluntaria ou non) do embarazo e embarazos a término. 

Así o declararon esta quinta feira, nunha rolda de prensa decorrida na sede da central sindical en Compostela, a secretaria confederal de Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, e a secretaria confederal de Organización, Susana Méndez

Segundo explicaron, a propia Seguridade Social "informa as empresas" das causas de baixa das mulleres cando se producen por estas situacións. O sindicato tivo coñecemento desta circunstancia por unha muller afectada, que descubriu que tanto a empresa como a xestoría coa que traballa "tiñan coñecemento" de que pasara por un aborto

Esta "vulneración" da normativa de protección de datos e do dereito á intimidade da traballadora prodúcese logo das modificacións da lei relativa á saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo. Uns cambios que, para Castro, significaron un "avance importante", aínda que "insuficiente" para as mulleres traballadoras e que permitiron recoñecer novos dereitos. 

A secretaria de Mulleres da CIG considerou "máis grave" que as mulleres que pasan por estas situacións de incapacidade temporal (IT) hoxe en día "non saben" que na súa empresa teñen coñecemento destas situacións e da diagnose que as provoca, xa que, segundo detallou, realízase mediante un sistema interno de notificacións que as traballadoras "non coñecen" e ao que elas "non poden acceder". 

Identificación de casos

Cada un destes motivos de IT está recollido no sistema FIE de comunicación de continxencias ás empresas cun código, identificábeis cos valores 01, 02 e 03. Así, se unha muller está de baixa por unha destas causas –menstruación incapacitante, aborto ou xestación–, a empresa saberao inmediatamente. Porén, se é por calquera outra doenza "está garantido" que non pode ser recollido no parte de IT, co cal, "non pode ser coñecido pola empresa"

Comentarios