O sector das verbenas galegas urxe diálogo nos protocolos para reiniciar a actividade e un rescate

Polbeiras, orquestras, cantinas e un conxunto de empresas que se dedican a traballar as festas populares levan desde marzo de 2020 sen actividade. Denuncian que non hai diálogo nin contan co seu sector para as axudas á reacitivación. Esta cuarta feira concentráronse diante do Parlamento e entregaron unha carta coas súas demandas dirixida ao Presidente da Xunta.
Concentración dunha representación do sector das verbenas galegas onte, diante do Parlamento, en Compostela (Arxina)
photo_camera Concentración dunha representación do sector das verbenas galegas onte, diante do Parlamento, en Compostela (Foto: Arxina)

As asociacións empresariais e profesionais do sector da verbena galega amosaron hoxe o seu descontento pola situación que viven desde que o pasado 14 de marzo de 2020 tiveron que deixar de traballar polas restricións impostas con motivo da pandemia. Coa tempada iniciada, e sen ningunha resposta por parte da Administración galega, decidiron concentrarse diante do Parlamento da Galiza e entregar unha carta dirixida ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asinada polos presidentes das asociación de Servizos de Festas da Galiza (Serfega), de Orquestras (AGO) e de representantes da Galiza (Artegal) explicando as súas reivindicacións.

José Veiga, presidente de Serfega e propietario dunha fábrica de xeo que traballa para as cantinas das festas populares, explica que o obxectivo da concentración é meter presión para que se dean solucións ao seu sector. "Queremos unha desescalada segura para facer as festas", sinala, ao tempo que cre que "é viábel, xa que falamos de eventos no exterior". Pon como exemplo as actuais restricións, que permiten "traballar en interiores con superficies grandes con máis de 500 persoas e nós tamén podemos". Veiga asegura que mantiveron xuntanzas cos grupos políticos con presenza no Parlamento para que se trate o tema. 

Protocolos inviábeis

"É inviábel para nós traballar cos protocolos actuais, que comprometen as propias comisións de festas e obrigan a xente a estar sentada", di o responsábel de Serfega. Agardan prontitude na resposta institucional e mesmo aceptarían realizar unha proba piloto que marque como actuar nas festas galegas.

"Precísanse tres meses para preparar un evento e, se contestan en 30 días para facer unha proba, xa nos pasou o verán", asegura Veiga. 

Na asociación consideran que non é lóxico "que cando outros sectores podían servir en barra, nós tiverámolo prohibido no exterior". Da mesma maneira, critican que se obrigue a instalar un medidor de CO2 en certos horarios "e non todo o día", polo que demandan ser partícipes na elaboración dos protocolos "e, se non é posíbel, que nos inclúan nun rescate como ao resto dos sectores".  

Feixoo mudou de actitude pasadas as eleccións 

Desde a última reunión no mes de decembro non tiveron máis noticias. Realizaron cinco reunións co Goberno galego antes das eleccións e despois ningunha máis. Na carta entregada lémbranlle a Feixoo que chegaron “a paralizar as manifestacións, xa concedidas legalmente, para que non afectaran aos resultados oficiais dos votantes” e “despois de tomar posesión”, afirman, “non nos recibiron de forma tan grata como noutras ocasións”.

Varios ramos implicados

Nas festas populares ou verbenas participan moitas empresas que van desde as intermediarias até os servizos e a organización. Na Galiza, só no ámbito de servizos, contabilízanse unhas 450 empresas que darían traballo a un total de 4.600 persoas. Entre as máis importantes estarían as de pirotecnia, alugueiro de carpas, cantinas, montaxes de escenarios, orquestras, polbeiras, electricistas, alugueiro de xeradores e oleiros. 

Na carta a Feixoo lémbranlle que son as mesmas "que cando vostede ten un acto público son necesarias. Amador Porta, vicepresidente de Serfega e propietario dunha polbaría na Estrada, explica que “podería traballar nunha feira ou diante dun estabelecemento hostaleiro, mais nunha festa ou nunha romaría non". Reitera que o seu foi dos primeiros sectores en parar e, polo de agora, "non recuperamos nada, xa non aguantamos máis". Alerta de que tentaron non manifestarse, "mais como non nos reciben, non quedará outra" opción.

Comentarios