Haberá verbenas este verán mais con medidas de seguridade

A Xunta favorábel a que as orquestras teñan posibilidade de actuar nas festas destes meses vindeiros aínda que coas medidas de seguridade que poña o Goberno español.
A orquestra París de Noia
photo_camera A orquestra París de Noia (París de Noia)

A Xunta da Galiza trasladou onte ao sector das orquestras galegas a súa posición favorábel a que poidan celebrarse verbenas este verán, aínda que respectando algunhas medidas de seguridade que deberá fixar o Goberno español para logo ser adaptadas polos diferentes municipios.

Por videoconferencia por parte da Xunta participaron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e polo sector a Asociación Galega de Orquestras, Gaias Eventos Musicais, a Asociación de Representantes Técnicos da Galiza e a Asociación de Empresarias da Música da Verbena Galega (ASEVEGA), o sector trasladou as necesidades actuais das orquestras, un sector que dá emprego a numerosas familias e xera actividade no país, especialmente durante os meses de verán.

Críticas na redes por discriminación

Estes días moitas voces fixeron chegar as súas críticas polo que consideraban un trato discriminatorio por parte das autoridades a unhas celebracións que na Galiza son toda unha relixión. Nas redes sociais, nunha das páxinas de Facebook de apoio ás orquestras, denunciábase que para o verán "haberá mitíns de 800 persoas e milleiros de persoas enchendo locais fechados, centros comerciais, praias e paseos marítimos mais o perigo son os campos abertos!".

Engadían que "do sector da verbena dependen miles de familias, ademáis, entendemos que é un ben patrimonial común do que se benifician outros sectores, como a hostalaría, feriantes e pirocténicas entre outros". Desde as redes sociais considérase tamén que máis perigoso que as propias verbenas é a presenza de numerosas e numerosos visitantes de fóra que poden chegar a Galiza este verán.

Comentarios