O salario medio anual das mulleres é un 18,7% inferior ao dos homes e catro de cada dez cobran menos que o SMI

A fenda salarial a respecto dos homes marca toda a vida laboral das mulleres e condiciona as súas pensións. A CIG presentou onte un informe onde sinala que as retribucións das mulleres son un 18,7% inferiores á dos homes, até o punto de que o 40,2% das mulleres perciben un salario inferior ao SMI.

CIG, mulleres
photo_camera Á esquerda, a responsábel do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López, e, á dereita, a secretaria confederal de Mulleres, Nicolasa Castro. (Foto: Nós Diario)

O salario medio anual das mulleres é un 18,7% inferior ao dos homes. Segundo o informe sobre a Situación laboral das mulleres en Galiza, presentado na xornada de onte pola Confederación Intersindical Galega (CIG), as retribucións das mulleres situáronse en 2023 en 19.666 euros. En cambio, as dos homes alcanzaron de media os 24.185 euros, o que representa unha diferenza de 4.519 euros anuais. A maiores, esa disparidade volveu medrar na pasada anualidade, incrementándose en 236 euros e nunha décima porcentual.

A fenda salarial de xénero dáse en todas as franxas de idade, aínda que marca diferenzas significativas entre unhas e outras. A este respecto, o relatorio elaborado pola CIG apunta que “as maiores fendas salariais danse entre os grupos de maior e menor idade, en ambos os casos superan o 33%. A menor fenda prodúcese entre a poboación de 36 a 45 anos, onde alcanza o 10,3%. Nin o maior nivel de formación da poboación feminina con respecto á masculina é capaz de acabar con esta desigualdade”.

Os ingresos do 40,2% das mulleres ocupadas son inferiores ao salario mínimo interprofesional (SMI). Neste sentido, o relatorio da CIG recolle que “con ingresos inferiores á metade do SMI o 55,6% son mulleres e o 44,4% son homes. Entre esta cantidade e o SMI, o 60,1% son mulleres e o 39,9% homes. A partir destes ingresos, en todos os tramos os homes superan as mulleres, até que xa no último tramo, de ingresos superiores a 10 veces o SMI, as mulleres soamente son  o 18,7% e o restante, 81,3%, son homes; unha diferenza de 62,6 puntos porcentuais”.

A secretaria confederal de Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, sinalou en rolda de prensa que “a igualdade no traballo está aínda lonxe de conseguirse" e que a reforma laboral de 2021 "aínda agravou máis a fenda salarial de xénero". Ademais, salientou que "os traballos temporais e parciais seguen sendo desempeñados maioritariamente por mulleres”. Neste punto, denunciou a negativa das empresas a entregar os "rexistros salariais" e advertiu que outras fano "deficientemente" co obxectivo de "seguir ocultando a discriminación salarial".

Castro explicou que a “discriminación salarial se segue a producir por diferentes vías”. Así, entre estas, puxo de manifesto “os salarios máis baixos nos sectores de actividade con representación maioritaria de mulleres, a aplicación de convenios diferentes para actividades similares na mesma empresa, a aplicación de categorías diferentes, con menor compensación para as traballadoras, ou o recoñecemento de habilidades ou condicións que poden desempeñar con maior facilidade os homes”.

A diferenza salarial é maior naquelas actividades económicas onde a presenza das mulleres supera a dos homes. Concretamente, as mulleres son maioría nas ramas de entidades financeiras e aseguradoras, servizos ás empresas, outros servizos persoais e de lecer e servizos sociais. Agás nesta última, onde están incluídos sectores como a sanidade e a educación e as desigualdades salariais son menores polo forte peso do persoal funcionario, nas tres restantes a fenda supera o 23,6%.

A maior fenda obsérvase en servizos ás empresas, onde alcanza o 26,3%. Nesta rama de actividade, as mulleres representan o 54,1% do total da ocupación, cuns ingresos medios de 14.574 euros brutos anuais, exactamente 5.189 euros menos ao ano que os homes, cuxas retribucións rexistran 19.763 euros ao ano.

Un total de 72.459 mulleres, que representan o 58,3% das persoas traballadoras, ocúpanse na actividade de outros servizos persoais e de lecer, rexistrando unhas retribucións medias anuais de 9.842 euros, é dicir un salario inferior ao dos homes nun 23,6%. O relatorio da CIG lembra que “os ingresos dunha muller traballadora nesta actividade foron 9.842 euros anuais, moi por debaixo do SMI. No caso dos traballadores desta rama, os ingresos, aínda que baixos, superaron o SMI; con ,12.883 euros de media”.

A fenda chega ao 25,6% na rama de entidades financeiras e aseguradoras. Neste sector, ocúpanse 10.388 mulleres, 54,4% do persoal empregado, que perciben un salario medio bruto anual de 30.845 euros, 10.610 por baixo do rexistrado polos homes nesta actividade. Nunha dirección, contraria a menor diferenza retributiva dáse no sector da construción, onde as mulleres representan o 16,6% das persoas traballadoras e ingresan un 10% menos que os homes.

8 de marzo

A superación da discriminación salarial é unha das demandas da CIG para o 8 de marzo, Día das Mulleres Traballadoras. A este respecto, Castro afirmou que “o traballo en condicións de precariedade caracteriza a situación laboral da maior parte das traballadoras” e asegurou que “baixos salarios, temporalidade e xornadas a tempo parcial son a tónica dominante”. Nesta liña, explicou que “desde o inicio da nosa vida laboral até a xubilación padecemos toda unha serie de desigualdades que non teñen causas obxectivas baseadas no desempeño do noso traballo senón no feito de sermos mulleres”.

Precisamente, a CIG presentou onte os seus actos para o 8 de marzo, con mobilizacións de mañá en Burela, Cangas, A Coruña, Compostela, Ferrol, A Guarda, Lugo, Ourense, As Pontes, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía. Ao tempo, chamou a sumarse ás manifestacións impulsadas polo feminismo para esa tarde

A pensión media anual das mulleres na Galiza é 33,6% inferior á dos homes

Contías das diferentes prensións recibidas polos homes e polas mulleres.

As diferenzas nas retribucións e a maior precariedade e temporalidade ao longo de toda a vida laboral explica a fenda nas pensións entre homes e mulleres. Segundo as cifras fornecidas pola CIG, procedentes do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), dependente do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións do Goberno do Estado, “a 31 de decembro de 2023, había 775.817 persoas cobrando una pensión contributiva na Galiza, cunha percepción media de 1.026,32 euros ao mes”, porén, no caso dos homes esta era de 1.254 euros e no das mulleres de 832 euros.

A fenda das pensións fechou 2023 cunha diferenza porcentual de 33,6% e en termos absolutos 422 euros ao mes. Aliás, o informe da CIG apunta que “as mulleres son maioría nas dúas clases de importe medio das pensións, máis baixo, salvo orfandade, viuvez -na cal 89,8% son mulleres-, e na de a favor de familiares, cunha taxa de feminización de 62,5%”. Neste sentido, apunta que “estas menores pensións débense ás menores bases de cotización e aos menores anos cotizados”.

As bases de cotización das mulleres son inferiores ás dos homes. Neste punto, o relatorio da CIG sinala que “a diferenza media entre o que cotiza unha muller e un home é de 269 euros ao mes” e desvela que “ao igual que ocorre cos anos de cotización, a medida que aumenta a idade das persoas, aumenta a fenda entre mulleres e homes. Entre as menores de 24 anos, a diferenza é de 95 euros ao mes.Así, ao chegar a 65 anos, a diferenza alcanza os 608 euros mensuais”.

Comentarios