Até 87% das persoas inactivas por facer labores do fogar son mulleres

CCOO fai fincapé na fenda relativa aos coidados.
A fenda de xénero nas pensión supera os 8.500 euros anuais (Foto: R.D.F.).
photo_camera A fenda de xénero nas pensión supera os 8.500 euros anuais (Foto: R.D.F.).

Un total de 166.300 persoas están inactivas (non teñen un emprego remunerado nin o buscan activamente) na Galiza porque se dedican a facer labores do fogar. Destas, até 144.900, máis de 87%, son mulleres, segundo reflicten os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) referentes ao exercicio de 2023.

No caso das peticións de excedencias para o coidado dun menor, neste caso segundo datos do Instituto Galego de Estatística correspondentes ao ano 2022, o desequilibrio de xénero é similar, pois até 87% do total son realizadas por mulleres.

Volvendo aos datos de 2023,  da EPA, do total das 25.900 persoas ocupadas a xornada parcial para realizar coidados de crianzas, persoas adultas enfermas, con discapacidade ou maiores, case 91% eran mulleres.

Así mesmo, máis de 70% das persoas ocupadas a xornada parcial por outras obrigas familiares ou persoais eran mulleres. Ademais, das 78.000 persoas ocupadas a xornada parcial debido a que non atopaban traballo a xornada completa, máis de 73% tamén eran mulleres.

Diante destas cifras recollidas por CCOO nun informe, o sindicato afirma que se observa "un patrón discriminatorio cara ás mulleres de forma clara". "Estes datos evidencian a invisibilidade dos coidados, restándolles a importancia capital que teñen para o sostemento da vida", conclúe a organización sindical.

A fenda nas pensións supera os 8.500 euros

"A fenda de xénero nos salarios dáse en todas os tramos de idade, mais é moi notábel se nos fixamos no das pensións (maiores de 65 anos), pois a diferenza entre as retribucións masculinas e femininas superaba os 8.500 euros [anuais en 2023]", subliña CCOO.

A fenda nos coidados afecta directamente na das pensións, defende, "pois as maiores interrupcións na vida laboral, así como as parcialidades, penalizan a traxectoria laboral e, polo tanto, o salario". Tamén, di, "segue habendo segmentación laboral e unha peor valoración dos traballos considerados propios de mulleres".

Comentarios