Redacción 10/xan./22 - 13:28 Seguinte chevron_right O Estado español ten un déficit de máis de 75.000 prazas en residencias de maiores, segundo recolle un informe da Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, elaborado con cifras do Imserso. Segundo este informe, ao remate do ano 2020 había 5.529 centros residenciais no conxunto do Estado, 13 menos que o ano anterior, 1.451 deles públicos (16 máis que o ano anterior), e 4.078 privados (29 menos que antes da pandemia). No tocante ás prazas, había 389.677, "só 643 máis que un ano antes". O resultado, segundo precisa o colectivo, é "un maior déficit de prazas residenciais ano a ano". En 2014 faltaban 53.103 prazas para alcanzar o limiar de 5% que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS)—cinco prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos—, e no último ano este déficit alcanza as 75.699 prazas. Aliás, atendendo á demanda que existe actualmente sen atender, o informe detalla que serían necesarias, "de maneira inmediata, non menos de 62.000 prazas" residenciais para as persoas con Dependencia Severa (Grao II) ou Grandes Dependentes (Grao III). Segundo datos oficiais do IMSERSO, correspondentes a novembro de 2021 e recollidos pola asociación, hai en lista de espera 91.729 persoas con Grao II e III, aos que hai que sumar 67.000 pendentes de valorar e que previsiblemente obterán un deses graos, o que eleva o número ata as 158.729 persoas. A asociación estima que catro de cada dez deles demandarían un servizo residencial en praza pública, concertada ou en prestación vinculada a ese servizo. De aí a previsión de que serían necesarias entre 62.000 e 63.000 prazas residenciais só para atender a demanda da lista de espera, o denominado "limbo da dependencia". A Galiza, terceira con maior déficit Debullando os datos, o informe pon de relevo que os territorios con maior déficit de prazas son Andalucía, País Valencià e Galiza, con 30.236, 22.860 e 14.331 respectivamente. Ao mesmo tempo, noutros cinco hai un exceso de prazas, destacando Castela e León, con 17.541. Por outra parte, o informe revela que case dúas de cada tres prazas residenciais de maiores son de financiamento público, 63,2% do total, que inclúe prazas en centros públicos, prazas concertadas en centros privados, e prazas que se financian coa prestación vinculada ao servizo. Esta porcentaxe, segundo apunta a Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, foi aumentado "lixeiramente" nos últimos anos, de maneira que ao finalizar 2020 supuñan 2,65 por cada 100 persoas maiores de 65 anos. Deixando á marxe o financiamento e no que atinxe á titularidade dos centros, segundo os datos recompilados polo xornalista Manuel Rico no seu libro Vergoña! O escándalo das residencias, achegados polos gobernos territoriais, tres de cada catro residencias galegas son de titularidade privada —76,6%—, tres puntos por riba da media estatal. Etiqueta Galiza Xunta da Galiza Política Social residencia de maiores Seguinte chevron_right
SOCIAL Convocada para este domingo unha concentración en Vigo en repulsa do crime machista de Oroso Redacción 03/dec./23 10:57
SOCIAL Seoane do Courel acolleu o acto de conmemoración dos 50 anos do Grupo Ornitolóxico Galego M. X. 02/dec./23 19:19
SOCIAL Minuto de silencio en Oroso en repulsa polo crime de violencia machista Redacción 02/dec./23 13:42 Confirmado como asasinato machista: O octoxenario de Sigüeiro matou a súa muller e despois suicidouse
Confirmado como asasinato machista: O octoxenario de Sigüeiro matou a súa muller e despois suicidouse
SOCIAL Unha borrasca pon en alerta por forte vento ao litoral este domingo Redacción 02/dec./23 12:12
SOCIAL A Xunta pide por carta á ministra de Vivenda a convocatoria da comisión bilateral sobre a nova Lei estatal Redacción 02/dec./23 11:37
star SOCIAL A Xunta fica lonxe do obxectivo marcado por lei para 2035: Só 17% dos residuos son recollidos de forma separada Ricardo Suárez 02/dec./23 9:51