Ensino

VÍDEO | Desaloxados de novo os representantes sindicais da Consellaría de Educación: "O máximo responsábel é Rueda"

"O conselleiro de Educación ten dúas opcións: rectificar e sentarse coa voz maioritaria do profesorado galego ou negar a súa propia capacidade como interlocutor no maior conflito aberto nos últimos anos", indicou o responsábel da CIG-Ensino, Suso Bermello.
Representantes sindicais na Consellaría de Educación esta quinta feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Representantes sindicais na Consellaría de Educación esta quinta feira (Foto: Nós Diario).

"Ante a falta de talante democrático amosada polo conselleiro de Educación", representantes da CIG-Ensino, STEG e CSIF volveron acudir esta mañá ás dependencias da Consellaría de Educación para solicitar ser recibidos por Román Rodríguez tendo en conta que esta quinta feira “non ten ningún problema de axenda para ter unha reunión coa representación maioritaria do profesorado do ensino público galego” ao ter lugar a reunión semanal do Consello da Xunta do que forma parte.

Non obstante, ao igual que aconteceu na cuarta feira, os representantes sindicais foron desaloxados pola policía sen ser recibidos polo titular de Educación.

A insistencia da representación de 60% do colectivo docente galego vén precedida de moitas accións de protesta, dúas xornadas de folga e mobilizacións durante todo este trimestre nas que participou masivamente o profesorado contra un acordo que “non dá resposta ás súas demandas, tanto no que ten a ver coa recuperación de dereitos laborais como coa mellora das condicións do ensino público galego” e inciden en que "non cesarán até que o conselleiro mude a súa actitude e sente a dialogar".

"Rectificar ou negociar"

"O conselleiro de Educación ten dúas opcións: rectificar e sentarse coa voz maioritaria do profesorado galego ou negar a súa propia capacidade como interlocutor no maior conflito aberto nos últimos anos", indicou o responsábel da CIG-Ensino, Suso Bermello.

Os representantes sindicais achegáronse á sala do 2º andar da Consellaría de Educación, diante do despacho do conselleiro.

Comentarios