Educación

Nova folga contra o acordo de ratios no ensino público... pero os centros deberán abrir igualmente

Novamente serán os equipos directivos os encargados de fixar o persoal que conformen os servizos mínimos, que en todo caso deberán garantir a apertura e o fechamento de colexios e institutos.
Manifestación exixindo rebaixar as ratios e mellores condicións para o profesorado, o pasado 24 de outubro, en Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Manifestación exixindo rebaixar as ratios e mellores condicións para o profesorado, o pasado 24 de outubro, en Compostela. (Foto: Arxina)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publica esta segunda feira os servizos mínimos para a segunda xornada de folga na educación pública galega, convocada para esta terza feira, 28 de novembro, polos sindicatos CIG, CSIF e STEG contra o acordo de baixada de ratios e horario lectivo pactado entre a Xunta e mais CCOO, ANPE e UXT. Así, de novo serán os equipos directivos os encargados de fixar o persoal que conformen os servizos mínimos, que en todo caso deberán garantir a apertura e o fechamento dos colexios e institutos.

A orde que publica a Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades no DOG inciden na necesidade de que as dotacións mínimas garantan o "servizo esencial da educación", entendido tanto pola "actividade docente" como pola "vixilancia e coidado" dos menores. Por iso, a Administración estabelece que os centros sigan abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza do director ou, no seu caso, outro membro da dirección que o substitúa. Naqueles colexios de menos de seis unidades, o director pode ser substituído por outra persoa que forme parte do equipo docente.

En calquera caso, será a dirección de cada colexio ou instituto a que designe os distintos servizos mínimos e publicaraos no taboleiro de anuncios. A Consellaría lembra que o seu incumprimento poderá ser motivo de sanción. Esta segunda xornada de folga, tras a primeira decorrida o 24 de outubro, foi convocada primeiramente pola CIG-Ensino, principal sindicato da educación pública galega, e posteriormente sumáronse CSIF e STEG. Tamén a apoia CUT.

A CIG considera que os servizos mínimos anunciados pola Xunta, "aínda sendo aceptábeis, dificultan que o profesorado das [escolas] unitarias exerzan o seu dereito á folga con normalidade", ao verse obrigado a garantir a apertura das instalacións, advirte o sindicato nacionalista.

O acordo

A folga será para rexeitar o acordo asinado o pasado 11 de outubro entre a Xunta e tres das catro organizacións da mesa sectorial —CCOO, ANPE e UXT—, cuxo principal punto inclúe a redución de ratios a 20 alumnos e alumnas por aula de forma paulatina desde 4º de Infantil (3 anos) a partir do curso 2024-25. Este proceso culminará no ano académico 2032-33 coa súa implantación en 6º de Primaria. Posponse a unha próxima negociación a mesma medida en ESO, Bacharelato e Formación Profesional.

En canto ao horario lectivo, o acordo reducirá de 25 a 23 as horas de clase á semana a partir do próximo curso en Infantil e Primaria, aínda que seguen sen ser inferiores ás que había antes de 2011. O documento asinado tamén recolle subas nos sexenios e nos complementos por labores directivos e de titorización, así como a elaboración dun plan de redución de cargas burocráticas dos profesores.

Comentarios