A reforma do 315 non porá fin á represión contra os piquetes sindicais

O ministro de Xustiza, Rafael Catalá, anunciou a intención do Goberno español de modificar o Código Penal para suavizar as penas contra as "coaccións" durante unha folga.

Carlos Serafín Indulto [Imaxe: CIG]
photo_camera [Imaxe: CIG]

O anuncio do ministro de  Xustiza, Rafael Catalá, de que o executivo español valora “axustar” as penas que arestora se aplican, con base no artigo 315 do Código Penal, contra coaccións durante unha folga laboral non suporá a fin da represión contra os piquetes informativos, senón que unicamente podería suavizala.

Catalá recoñecía nunha comparecencia pública o pasado día 29 de decembro en Alacante que “se están producindo sentenzas con penas moi altas, privativas de liberdade mesmo, que quizais son un pouco desproporcionadas no momento actual”. No conxunto do Estado son máis de 300 os e as traballadoras, maioritariamente sindicalizadas, que enfrontan procesos penais con peticións de cadea que totalizan 120 anos. 11 casos atinxen a afiliadas e afiliados da CIG. 

O ministro amosábase partidario de incluír na modificación do Código Penal que prepara o Goberno español un axuste do artigo 315,. "O 315 prevé unha sanción ás coaccións exercidas con motivo do dereito a folga, que ten unhas penas de prisión altas comparadas co delito de coaccións xenérico” asegurou o titular da carteira de xustiza. Porén, o actual código penal no seu artigo 172, referido a coaccións en xeral estabelece penas de prisión de 6 meses a 3 anos. A mesma pena que a prevista no 315. 

Barállase a posibilidade de que a pena máxima se vexa reducida a 18 meses de prisión ou multa económica

Descoñécese polo momento o alcance da modificación, mais barállase a posibilidade de que a pena máxima se vexa reducida a 18 meses de prisión ou multa económica. Fontes apuntan que a intención sería limitar as penas de privación de liberdade só a aqueles casos nos que mediasen condutas violentas. Con todo, non se precisa se a rebaixa nas penas atinxirá só aos casos referidos ao apartado 3 do artigo (que é o que se aplica contra os piquetes), ou se pola contra se reducirán tamén no caso das coaccións exercidas polo empresariado, extremo que rexeitan os sindicatos.

Reaccións

Ao fío do anuncio de Catalá a CIG, por boca do seu secretario comarcal en Vigo, Alberte Gonçalves, amosábase escéptica diante do alcance real que poida ter a medida. Gonçalves criticou que se fale de “parches” e reclamou, en troca, a fin da represión e criminalización contra o exercicio das liberdades sindicais e do dereito a folga. Unha opinión partillada pola UGT, que a nivel confederal exixiu a retirada do 315.3, cualificándoo de “enrevesado, inentendíbel e innecesario”. Petición secundada tamén por CCOO.

En opinión de Xuíces para a Democracia “o dereito a non facer folga xa está suficientemente protexido"

En termos semellantes xa se expresara o colectivo Xuíces para a Democracia. Nun comunicado reclamou a supresión do 315.3 argumentando que “o dereito a non facer folga xa está suficientemente protexido a través do delito ou falta de coaccións”. A organización que representa a boa parte da xudicatura progresista lembraba que o artigo “ten orixe no ordenamento penal franquista, cuxo redactado mantense case intacto e que no réxime anterior tiña como finalidade reprimir as folgas”. “Non ten sentido manter unha figura delitiva que agora se desenvolve no contexto dun dereito fundamental, como a folga” aseveraban no texto. 

Aplicación desproporcionada

As centrais sindicais levan meses a revolverse contra o referido artigo. De feito a Alianza Social Galega, da que fan parte CIG, CCOO e UGT, desenvolveu diferentes convocatorias e foron numerosas as mobilizacións impulsadas de maneira unitaria para poñer o foco nos diferentes casos, singularmente os que afectan aos traballadores Carlos e Serafín, e as traballadoras Ana e Tamara, condenadas as catro a tres anos de prisión por participaren de folgas legalmente convocadas.

Os sindicatos denuncian que a letra do 315 aplícase de maneira desproporcionada, responsabilizando directamente a fiscalía por pedir penas que supoñen unha limitación ao exercicio efectivo do dereito fundamental a folga. 

Os sindicatos denuncian que as coaccións patronais que o impiden facer folga apenas son punidas con multas económicas

Pardoxalmente o único apartado que semella estar a aplicarse de maneira contundente é o 315.3, no que se castiga a quen “actuando en grupo, ou individualmente pero de acordo con outros, coaccionen a outras persoas a iniciar ou continuar unha folga”. Porén, non se coñece na xurisprudencia igual aplicación do 315.1 referido a quen “mediante engano ou abuso de situación de necesidade, impediren ou limitaren o exercicio da liberdade sindical ou o dereito a folga”. Ao  tempo que se suceden os casos de folguistas encausadas ou condenadas por exerceren ese dereito, recollido na Constitución, as coaccións patronais que o impiden apenas son punidas con multas económicas. 

Coacción sen coaccionadas?

Son abondosas as sentenzas que interpretan como coacción a axitación dos piquetes informativos alentando a secundar unha folga, malia que en moitos casos constitúen unha contramedida proporcionada ás coaccións previas exercidas pola patronal en sentido contrario mesmo baixo ameaza de despedimento, tal e como recoñecen algúns fallos xudiciais.

Unha interpretación antisindical que se sostén mesmo non habendo ningunha traballadora que se declarase “coaccionada” e cando os ou as chamadas a testemuñar aseguran diante do tribunal non terse sentido vítimas de tal coacción.

Comentarios