Recortes nos horarios dos helicópteros sanitarios deixan Lugo e Ourense desatendidas durante horas

Entre o 18 de marzo e o 27 de setembro os helicópteros só funcionan durante 12h. 

Helicóptero-061-Vigo
photo_camera [Imaxe Sergas]

Os recortes volven situar o conflito na atención sanitaria aérea. A Xunta de persoal do 061, da que depende desde hai un ano a xestión dos helicópteros medicalizados, denuncia que entre o 18 de marzo e o 27 de setembro o servizo só estará operativo durante 12 horas, embora no período estival o horario de luz sexa superior. 

En Lugo e Ourense só funcionan de 9,30h a 21,30h mentres que na Costa da Morte deixa de estar operativo ás 19,30h

Esta decisión provocará que en Lugo e Ourense non poidan contar cun helicóptero até as 9,30h. e que na Costa da Morte as urxencias a partir das 19,30h. non poderán ser atendidas malia que a ambulancia medicalizada máis próxima, en Compostela ou A Coruña, estexa a "máis dunha hora" de distancia, denuncian. 

Neste senso, aseguran que a decisión visa reducir os custes, nomeadamente en salarios das persoas que pilotan e copilotan os helicópteros e que supoñen "menos de 100 mil euros" para cubrir todas as horas de luz. 

Heliportos da Coruña e Vigo sen uso

Desde a Xunta de persoal do 061 lembran o acontecido no accidente do rally de Carral no que a redución horaria dos helicópteros impediu contar co apoio do servizo aéreo. Naquel sinistro faleceron 7 persoas e 11 resultaron feridas. Neste senso, as organizacións sindicais lembran que "poderían ter sido atendidos dentro duns estándares de tempo mellores dos que recibiron". 

Así mesmo, denuncian a situación que atinxe os heliportos dos hospitais da Coruña e Vigo. En ambos os dous casos as deficiencias na súa construción impediron usalos e, embora no caso do CHUAC estaren subsabadas, "continúan sen dar orde de que se use". A respeito do Álvaro Cunqueiro (Vigo) "hai máis de sete meses que se inaugurou mais a día de hoxe" tampouco poden usar o heliporto tendo mesmo que desprazar doentes desde o aeroporto de Peinador. 

Comentarios