Protestas da CIG ante edificios da Xunta baixo o lema "Feixoo, contigo Galiza vai á ruína"

A CIG vén de desenvolver durante o día de hoxe unha xornada de protestas diante de edificios da Xunta de Galiza das sete cidades e máis en Vilagarcía e Cee para denunciar as “nefastas políticas económicas, industriais e laborais aplicadas polo Goberno de Feixoo.
Protestas da CIG
photo_camera Protestas da CIG (Foto: Nós Diario)

A CIG vén de desenvolver durante o día de hoxe unha xornada de protestas diante de edificios da Xunta de Galiza das sete cidades e máis en Vilagarcía e Cee para denunciar as “nefastas políticas económicas, industriais e laborais aplicadas polo Goberno de Feixoo, que se teñen demostrado aínda máis fatídicas na actual situación de emerxencia sanitaria”.

Con estas accións, realizadas baixo o lema "Protexamos a clase traballadora galega. Feixoo, contigo Galiza vai á ruína", a CIG reclama da Xunta políticas que permitan unha saída á crise “favorábel ás maiorías sociais e que doten de futuro a Galiza”.

“En pleno proceso de desconbfinamento e de retorno á actividade produtiva, as receitas do PP para afrontar a durísima crise seguen a ser as  mesmas: fomento obsesivo do sector servizos como único motor económico; ausencia dunha política industrial que manteña os sectores produtivos estratéxicos, capaz de atraer novos proxectos e pechar os ciclos produtivos no noso País de forma completa; entrega dos nosos recursos naturais ao servizo de grandes multinacionais e inacción ante a inxusta e imposta transición enerxética; continuísmo nas políticas de recortes e privatizacións dos servizos públicos, dos servizos socias e dos coidados ás persoas; etc”, cuestiona o sindicato.

Unha política que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualifica de "suicida para a sociedade galega”, que non é capaz de crear o emprego que se destrúe e que se limita a fomentar “o macro-turismo no Camiño de Santiago a grande escala, a eucaliptización do país, que lexisla en favor das grandes corporacións".

Demandas da CIG

Fronte a isto, con estas protestas a CIG reclama “políticas públicas que  concentren todos os recursos existentes en favor da saúde da poboación e dos intereses das maiorías sociais; e unha política económica e industrial creadora de emprego digno e con salarios xustos, que potencie os nosos sectores agrario e pesqueiro, que defenda o tecido industrial e promova proxectos industriais que completen todas as fases produtivas en Galiza, facendo así que todo o valor engadido quede aquí”.

Comentarios